'O Darwinismo e Galicia', primeiro libro editado pola USC dentro dos actos do Ano Darwin

Tal día coma hoxe saía do prelo A orixe das especies. Cento cincuenta anos despois a USC presentou O Darwinismo e Galicia, primeira publicación que a institución académica compostelá edita dentro dos actos conmemorativos do Ano Darwin 2009. Nunha edición a cargo do catedrático Francisco Díaz-Fierros, esta obra recolle as achegas dunha ducia de especialistas de diferentes áreas para, tal e como sinala o profesor Díaz-Fierros, “contribuír a profundar no coñecemento que a obra de Darwin e os seus defensores tivo na historia do pensamento galego”.
O libro presentouse este martes 24 na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca nun acto no que interviñeron a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo e o coordinador da edición, acompañados dos profesores Manuel Bermejo, Marilar Jiménez Aleixandre, e de Antonio Azaustre e Juan Blanco, do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.