Skip to main content

Un congreso internacional reunirá en Santiago a expertos de todo o mundo para debater sobre problemas da infancia

Uns 200 profesionais confirmaron a asistencia ao congreso que organiza a Unidade de Atención Temperá da USC entre o 30 de abril e o 2 de maio

Douscentos profesionais de todo o mundo debaterán en Santiago sobre os mellores métodos para evitar problemas na infancia tales como malos tratos, violencia nos colexios ou dificultades de aprendizaxe asociados a algún tipo de trastorno. Será no marco do Congreso ‘Avancemos con eles, o mundo da infancia a debate’ que organiza a Unidade de Atención Temperá da USC do 30 de abril ao 2 de maio e para o que xa está confirmada a asistencia de expertos de México, Portugal, Estados Unidos, Colombia, Chile, Bélxica ou Países Nórdicos.
Aprendizaxe e enfermidades rarasO encargado de inaugurar o congreso será o director do Instituto de Medicina Legal e catedrático da USC, Ángel Carracedo, que analizará os retos da medicina xenómica no campo da infancia. Falarase tamén sobre o desenvolvemento dos menores en contextos de desigualdade, nunha conferencia a cargo da profesora da Pontifica Universidade Católica de Perú e presidenta da ONG REDESS Jóvenes, María M. Raguz Zavala.
Ademais, daranse a coñecer os mellores métodos de intervención para paliar problemas de aprendizaxe en menores con hiperactividade, autismo ou algunha das denominadas enfermidades raras. Para iso, contarase coa presenza do médico adxunto do Hospital Clínico de Santiago, Jesús Eirís e o responsable do Instituto de Investigación en Enfermidades Raras, Manuel Posada.
Declarado de interese sanitarioO encontro completarase con conferencias, mesas redondas, comunicacións, pósters e talleres nos que os expertos explicarán as súas experiencias para abordar terapeuticamente o paso da infancia á adolescencia dende diferentes disciplinas.
Declarado de interese sanitario pola Xunta de Galicia, o congreso conta coa colaboración de entidades como Unicef, o Real Padroado de Prevención das Discapacidades, o Observatorio Galego da Infancia, Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Fademga, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Autismo Galicia, Fundación Renascer ou Arela.

The contents of this page were updated on 04.03.2009.