O Comisario Europeo polo Multilingüismo coñece na USC as particularidades do proxecto Yogote
A Universidade de Santiago, xunto coas de Vigo e Braga (CEH-UMinho), está a traballar no desenvolvemento do proxecto Yogote, experiencia internacional nacida en Galicia que pretende crear unha metodoloxía de comunicación e aprendizaxe de idiomas a partir de movementos xestuais das mans.
Concretamente, a Facultade de Ciencias da Comunicación vai dar soporte audiovisual ao proxecto, gravando cada un dos movementos xestuais para a súa posterior difusión. Ademais, no novo plan de estudos da disciplina inclúense liñas de traballo sobre comunicación interpersonal moi relacionadas co estas metodoloxías.
O apoio prestado polas dúas universidades galegas e o Centro de Estudos Humanísticos da Universidade de Minho (CEH) ao proxecto Yogote, foi un dos argumentos do encontro mantido este venres na facultade compostelá co Comisario Europeo polo Multilingüismo, Leonard Orban.
No encontro, tamén se lle explicou o compromiso dos integrantes de Yogote e das universidades implicadas coas ideas impulsadas dende a Comisión Europea do Multiligüísmo, concretamente co proxecto ‘Adopta unha lingua’, iniciativa para mellorar as actitudes e as metodoloxías e aprendizaxe de lingua na UE. Neste senso, o comisario coñeceu as potencialidades da metodoloxía Yogote para lograr unha maior eficacia nas estratexias de promoción do multilingüismo.
Yogote, que leva funcionando catorce anos, foi recoñecido pola Unesco e galardoada co primeiro premio de e-learning do Eu-Dialogüe Adward, máximo recoñecemento outorgado polo comisariado de Multiligüismo da UE. Actualmente, o proxecto logrou representar coas mans 2.500 palabras de varios idiomas, entre os que se atopan o galego, xaponés ou turco, entre outros. A mesma iniciativa conta cun dicionario accesible dende o web yogote.net onde se poden aprender as técnicas asociadas ao proxecto.