Skip to main content

Un dos impulsores do movemento polo software libre no mundo imparte unha charla na USC

O programador estadounidense e figura relevante do movemento polo software libre no mundo Richard Matthew Stallman (Nova York, 1953) visita a USC para impartir este mércores, día 29, unha charla aberta a todo o público.
Ás 10:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, Stallman explicará en español e nunha linguaxe amena e accesible como o Software Libre é “imprescindible” para o respecto dos dereitos dos usuarios de programas informáticos xa que lles permite utilizar, estudar, mellorar e compartir esas ferramentas.
Relatará ademais como esa necesidade o levou a iniciar o movemento polo Software Libre e o desenvolvemento do sistema operativo GNU, que inclúe o editor de texto Emacs, o compilador GCC e o depurador GDB. Stallman é tamén o inventor do concepto de Copyleft para licenciar software de xeito que o seu emprego e modificación permanezan sempre libres.
Entre os seus recoñecementos, Stallman recibiu o Grace Hopper Award da Association for Computing Machinery en 1991 polo seu traballo no editor Emacs orixinal; doutorados honoris causa polo Royal Institute of Technology de Suecia e pola Universidade arxentina de Salta; o Pioneer award da Electronic Frontier Foundation en 1998; o Yuki Rubinski memorial award en 1999 e o Takeda award en 2001.
A conferencia retransmitirase por internet con Windows Media Player ou VLC dende mms://mmedia.usc.es/stallman

The contents of this page were updated on 04.28.2009.