O Instituto da Lingua Galega da USC presenta en Vigo as últimas publicacións da colección Biblioteca Filolóxica Galega
O Instituto de Lingua Galega da Universidade de Santiago presenta este martes, día 28, ás 11:30 horas na sede da Fundación Pedro Barrié de la Maza de Vigo, as últimas catro publicacións da súa colección ‘Biblioteca Filolóxica Galega’. Trátase das obras Callaica nomina de Juan José Moralejo Álvarez; O galego fundamental: dicionario de frecuencias de Mª Xesús Bugarín López; Letras primeiras. O foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito de Henrique Monteagudo Romero; e Poesía completa de Antolín Santos Mediante Ferraría, edición de Xoán Babarro.
Catro volumesO volume do profesor da USC Juan J. Morelejo reúne dezanove traballos sobre o estudo da onomástica de orixe prelatina en Galicia, especialmente da toponimia e da hidronimia. O autor expón na obra o seu punto de vista sobre cuestións de etimoloxía fundamentándose en documentacións galegas, hispánicas, célticas e indoeuropeas.
O libro da profesora Bugarín constitúe un ambicioso proxecto de dicionario de frecuencias da lingua galega. Esta obra permite coñecer a frecuencia do léxico a partir de textos orais e escritos de entre 1975 e 1999. Este coñecemento é primordial para a axeitada planificación do ensino das linguas, para a redacción dos libros escolares, para aplicacións de tecnoloxías da fala, para a actualización dos dicionarios, etc.
A obra do profesor da USC Henrique Monteagudo céntrase nunha investigación sobre as orixes da escrita en galego a partir da versión galega do foral do Burgo de Caldelas (ca. 1228/1250). Nesta indagación téñense en conta non só os aspectos lingüísticos, senón tamén os diplomáticos, paleográficos e sociofilolóxicos. Na pescuda tamén se aborda a identificación dalgúns dos trobadores galegos máis antigos.
A cuarta obra que se presentará é unha edición da posía completa de Antolín Santos Mediante (1880-1944) realizada polo profesor Xoán Babarro. O volume compila as poesías que o popular poeta de Taramundi deu a coñecer en distintas obras ao longo da súa vida.