O historiador Bechir Yazidi fala nunha conferencia do exilio republicano en Túnez

O historiador Bechir Yazidi (Túnez, 1952) impartiu este mércores 4 unha conferencia sobre o exilio republicano español en Túnez. No acto, celebrado na aula 14 da Facultade de Xeografía e Historia, Yazidi presentou en Compostela o seu último libro El exilio republicano en Túnez (Edicións Embora, 2008), resultado da investigación sobre a cuestión do exilio republicano español cara ás costas de Túnez a partires de 1939.
Bechir Yazidi, doutor en Historia Contemporánea no Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba, é experto nas relacións entre os países do Mediterráneo africano e europeo, especialmente entre España e o Magreb. A súa investigación céntrase nas diferentes cuestións que abrangue o exilio español en Túnez a partires do fin da Guerra Civil de 1936, a forma na que chegaron os españois ás costas tunesinas, dificultades e problemas que xurdiron coa chegada dos refuxiados, a vida nos campamentos e o impacto da súa presenza no país africano.
A conferencia estaba organizada polo Proxecto ’Nomes e Voces’ e enmárcase na colaboración que mantén co Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba que coordina Bechir Yazidi e o catedrático da USC Lourenzo Fernández en torno á recuperación da memoria no marco do proxecto ‘A fonte oral como base para o estudo da represión. O caso da represión colonial francesa en Túnez e franquista en Galicia’ patrocinado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) en 2008.
Por este motivo, os investigadores tunesinos Bechir Yazidi e Mohammed Aouini estarán en Santiago ata o 5 de novembro. Nestes días os dous equipos de traballo compartirán diferentes actividades organizadas polo Proxecto ‘Nomes e Voces’, como unha visita ao Arquivo Militar de Ferrol e ao Campo da Rata na Coruña.
Este é o segundo encontro de ambos equipos despois da viaxe de investigadores da USC a Túnez no mes de setembro, e permitirá ao equipo tunesino compartir en Compostela as súas pescudas na recuperación da memoria oral de Túnez e coñecer as diferentes bases de datos da guerra civil e a represión franquista que os investigadores galegos están a crear desde 2006: a recentemente publicada base de nomes das vítimas da guerra civil e as bases relacionadas coa fonte oral e documental.