Skip to main content

Comeza o ciclo 'Catro visións de Häendel' cun documental de reconstrución musicolóxica

O catedrático Carlos Villanueva comenta este martes 3 a cinta 'Händel´s Water Music' que dirixiu Andrew Manze para a BBC

Cando se cumpren 250 anos da morte do compositor de orixe alemán Georg Friedrich Händel, a Facultade de Xeografía e Historia a través da Área de Música do seu Departamento de Historia da Arte quere renderlle unha homenaxe co ciclo de proxeccións comentadas ‘Catro visións de Haendel’, algunhas delas de difícil localización na actualidade.
A primeira será este martes, 3 de novembro, ás 19:00 horas na Aula 15 da Facultade de Xeografía e Historia. Dirixido por Andrew Manze para a BBC en 2005, o documental ‘Händel´s Water Music’ relata todo o un proxecto de reconstrución que levou a cabo a prestixiosa orquestra barroca londinense The English Concert sobre a Música Acuática escrita por Haendel en 1717 para acompañar un paseo do Rei Xurxo I polo Támesis.
Na reportaxe sorprende a exquisitez con que a música de Haendel é abordada en todos os aspectos que puideron influír na súa primeira interpretación, co fin de reconstruír o “ideal sonoro” dese momento. Interpretación con instrumentos orixinais do XVIII, reconstrución do barco que en movemento serviu de escenario para acompañar o paseo real, análise do son dos instrumentos ao aire libre e a súa percepción dende a ribeira e vestiario de época conflúen nun gran proxecto de reconstrución musicolóxica integral que será comentado polo catedrático de Historia da Música da USC, Carlos Villanueva

The contents of this page were updated on 11.02.2009.