Unha docente da USC, única española nunha xuntanza internacional de expertos sobre os efectos da radiación electromagnética nos seres vivos
A profesora do Departamento de Ciencias Morfolóxicas da USC, Elena López Martín, é a única investigadora española convidada, entre outros sesenta expertos de todo o mundo, a participar o vindeiro mes de novembro na cidade alemá de Stuttgart nunha reunión na que se discutirán os últimos avances na investigación de efectos biolóxicos da radiación electromagnética non ionizante nos seres vivos, así como os posibles riscos na saúde humana.
Esta xuntanza, na que unicamente se pode participar por invitación, organízaa a Sociedade de Investigacións de Aplicacións de Radio en colaboración co Ministerio de medio ambiente alemán, tendo por tema especial nesta ocasión a análise dos efectos da radiofrecuencia dos campos electromagnéticos na fisioloxía do cerebro. A intención dos organizadores é xuntar a un grupo de investigadores que teñan realizado achegas relevantes no eido do bioelectromagnetismo e representantes da administración para discutir e valorar o estado das investigacións científicas e as accións necesarias que se tomarán no futuro.
Elena López desenvolve na USC un estudo sobre os efectos da radiofrecuencia de telefonía móbil na actividade cerebral de ratas. O achado de cambios importantes na actividade cerebral a nivel do electroencefalograma (EEG), de comportamento e na morfoloxía do cerebro dos animais despois de expoñelos a radiofrecuencia modulada nun sistema experimental, constituirá motivo de discusión e debate co resto dos participantes da xuntanza.
Na actualidade, nesta liña de investigación participan ademais do departamento de Ciencias Morfolóxicas; o grupo de sistemas radiantes do Departamento de Física Aplicada, que deseñou o sistema experimental para radiar animais pequenos; e os departamentos de Fisioloxía e de Bioestatística que estudan os mecanismos de compensación que utiliza o cerebro ante a acción da radiación ionizante.
Elena López ten en proxecto estudar outros modelos neurolóxicos experimentais que permitan achegar novos datos dos efectos biolóxicos da radiación nos seres vivos. “O avance tecnolóxico na sociedade actual vai moi por diante do coñecemento sobre os posibles efectos que a radiación non ionizante pode ter na salud”, apunta a investigadora. Hai uns meses en Francia a prohibición do uso de móbiles nos colexios, suscitou un importante debate social, polo que “é necesario coñecer as implicacións que pode ter a radiación na saúde de grupos de risco para deste xeito poder influír na lexislación”, xustifica López Martín para engadir que “resulta non obstante contraditorio que o financiamento desta investigación por parte da administración sexa escasa”.
A esta respecto, a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera que o estudo de modelos neurolóxicos que poidan ser máis vulnerables ao efecto da radiación é unha área relevante na investigación dos efectos dos campos electromagnéticos. Neste mesmo senso tamén se ten pronunciado a Comisión Internacional de Protección de Radiación non Ionizante, tras realizar unha revisión das investigacións realizadas sobre os efectos dos campos electromagnéticos no cerebro dos mamíferos. Sinala a mencionada Comisión que “hai algunha evidencia de pequenos cambios na fisioloxía do cerebro, cambios notables no EEG e nalgún caso evidencias variables de cambio no EEG durante o sono e na circulación sanguínea do cerebro”. Non obstante, engade “estes feitos poden ter consecuencias funcionais limitadas, xa que non se viron cambios nas función cognitivas”.