Skip to main content

O III Seminario do Obradoiro de Historia Moderna profunda nas identidades políticas do XVIII

Este xoves ás 13:00 horas en Filosofía preséntase o número 18 da revista Obradoiro de Historia Moderna

‘Identidades políticas. Homoxeneidade e diversidade na España do século XVIII’ é o lema do III Seminario do Obradoiro de Historia Moderna que este xoves 15 se desenvolve no Salón de Actos da Facultade de Filosofía e o venres na Facultade de Xeografía e Historia.
As sesións contarán coa presenza e participación de destacados especialistas na materia como os catedráticos de Historia Moderna das Universidades Autónoma de Madrid, Pablo Fernández Albaladejo; de Almería, Francisco Andújar Castillo; de Estremadura, Miguel Ángel Melón; do País Vasco, Rosario Porres e José Ignacio Andrés; o titular da Universidade de Vigo, María López Díaz; e os docentes da USC Pegerto Saavedra, Ofelia Rey, María del Carmen Saavedra, Roberto López e Isidro Dubert.
O seminario inaugurarase este xoves ás 9:00 horas para continuar co relatorio de Miguel Ángel Melón Jiménez titulado ‘Un espazo xestionado con información precisa e pulso firme. As fronteiras de España no século XVIII’. Deseguido intervirán Ofelia Rey e Roberto López coas comunicacións ‘Da cultura privada á cultura pública: os desequilibrios territoriais na aplicación do discurso cultural ilustrado’ e ‘A imaxe dos inimigos da monarquía hispana en Galicia durante o século XVIII’, respectivamente.
A sesión rematará con Isidro Dubert e ‘Identidade e conflito social na Galicia costeira: séculos XVII-XVIII’ e coa presentación, ás 13:00 horas, do número 18 da Revista Obradoiro de Historia Moderna nunacto presidido polos directores do Servizo de Publicacións da USC, Antonio Azaustre e Juan Blanco, que recentemente lle concederon á publicación o selo de calidade USC-Editora.
A xornada da tarde comezará ás 16:00 horas coa intervención de Pablo Fernández ‘Sendeiros da política na España da primeira metade do século XVIII’ e continuará coa de María López sobre as elites galegas ante a quebra do Antigo Réxime.
‘Os lazos entre a monarquía e os territorios. A milicia e a conformación de lealdades’ e ‘A achega galega ao primeiro exército borbónico’ son os relatorios que pronunciarán Francisco Andújar e María del Carmen Saavedra, respectivamente.
Sesións en HistoriaO Seminario pasará o venres a desenvolverse na Facultade de Xeografía e historia, onde intervirá a primeira hora da mañá José Ignacio Andrés con ‘As relacións entre a fiscalidade e o desenvolvemento da identidade española no século XVIII’.
Rematará a sesión coas comunicacións de Rosario Porres titulada ‘Provincias Vascas-Provincias Exentas: a natureza das exencións fiscais vascas no século XVIII’ e de Pegerto Saavedra sobre ‘A fiscalidade e o mundo rural na España do século XVIII’.

The contents of this page were updated on 10.14.2009.