Skip to main content

A Universidade do País Vasco inviste doutor honoris causa ao catedrático da USC Luis Castedo

O catedrático de Química Orgánica da USC Luis Castedo será investido doutor honoris causa pola Universidade do País Vasco nun acto académico a celebrar este venres 23 no Paraninfo da Facultade de Ciencia e Tecnoloxía, en Leioa (Biscaia), baixo a presidencia do seu reitor Iñaki Goirizelaia Ordorika.
Con este nomeamento, no que actuará de madriña a profesora Esther Domínguez, quérese recoñecer, entre outros méritos, o papel clave do profesor Castedo nos inicios do Departamento de Química Orgánica da Universidade do País Vasco”. Ademais, a filosofía de traballo do profesor Castedo, un dos máximos responsables do progreso da Química Orgánica española nas últimas décadas, influíu de xeito decisivo en varias xeracións de químicos españois e ten sido clave para a formación dun gran número de profesores e investigadores de recoñecido prestixio internacional.
Ao longo da súa traxectoria académica obtivo numerosos premios, entre os que se atopa o premio Galicia de Investigación do ano 2003. Na súa faceta pública foi director xeral de Universidades e Política Científica da Xunta de Galicia e participou na creación das universidades da Coruña e Vigo.

The contents of this page were updated on 10.22.2009.