Josefina Ling participa este xoves no Foro Casa de Europa de Investigadoras e Tecnólogas
Baixo o epígrafe ‘Astrónomas que cambiaron o universo’ o Seminario Mulleres e Universidade (SMU) da USC celebra este xoves 2 unha nova sesión do seu Foro Casa de Europa de Investigadoras e Tecnólogas. O SMU traballa dende a súa creación hai cinco anos na visibilización das mulleres en todos os campos da ciencia e a tecnoloxía.
Será a profesora de Astronomía e Astrofísica da Facultade de Matemáticas da USC, Josefina Ling, quen ás 17:00 horas na Casa de Europa signifique o traballo das investigadoras sen as que hoxe non se podería concibir a astronomía moderna. Como explicará na súa intervención, a pesar da escasa documentación con que se conta, as diferentes reseñas de observatorios e universidades mostran que existiu un bo número de mulleres que co seu traballo, remunerado ou non, contribuíu “de forma importante á concepción que hoxe temos do Universo observable”.
Se ben durante o último século se avanzou moito no papel que a muller xogou na xeración do coñecemento científico, “aínda dista un largo treito para que a sociedade as emprace no lugar que por dereito lles corresponde”, advirte Ling. Por esta razón un dos piares en que se asenta o Ano Internacional da Astronomía 2009 leva por nome ‘Ela é unha astrónoma’. Trátase de contribuír a promover a igualdade entre xéneros, un dos obxectivos do Desenvolvemento do Milenio da ONU. Na súa charla a profesora da USC falará das actividades máis relevantes que se están desenvolvendo nese proxecto e tentará visibilizar as achegas de vida e ciencia dalgunhas astrónomas excepcionais da Historia.