Skip to main content

Expertos europeos e norteamericanos comparten na USC as últimas novidades sobre as lipodistrofias familiares

Será os días 3 e 4 de abril no transcurso dunha xuntanza internacional na Facultade de Medicina

A Facultade de Medicina reúne dende este venres 3 e ata o sábado 4 de abril a un grupo de prestixiosos científicos europeos e norteamericanos no campo das lipodistrofias familiares, enfermidades de núcleo e do avellentamento prematuro. Este encontro internacional organízao o profesor David Araújo-Vilar da Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas (EUTeM) do Departamento de Medicina da USC.
A inauguración do encontro vaise celebrar o mesmo venres no centro compostelán nun acto no que participarán o decano José M. Fraga e o profesor David Araújo-Vilar a partir das 9:00 horas.
As lipodistrofias familiares constitúen un grupo de enfermidades hereditarias raras caracterizadas por una perda do tecido adiposo que pode desembocar en complicacións serias como a diabete mellitus, a dislipemia, doenza cardiovascular ou cirrose.
En Santiago daranse cita algúns dos máis recoñecidos expertos neste eido como o catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Carlos López-Otín, recentemente galardoado co Premio Nacional de Investigación en Bioloxía; o director do Laboratorio Max F. Perutz da Universidade Médica de Viena, Roland Foisner; o asesor da Cámara dos Comúns sobre investigación en células nai, Chris Hutchison; ou o decano da Facultade de Medicina da Universidade de Tor Vergara, Giuseppe Novelli.
A Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas creárona en 2003 os profesores do Departamento de Medicina, Joaquín Lado-Abeal e David Araújo-Vilar, co obxecto de realizar investigacións relacionadas con novos síndromes tiroideos emerxentes e con trastornos xenéticos do tecido adiposo.

The contents of this page were updated on 04.02.2009.