Skip to main content

O programa de Estadías Científicas de Verán pechou a súa terceira edición coa entrega os diplomas

Os trinta rapaces desta segunda quenda de Escive posaron xunto cos responsables dos proxectos para a 'foto de familia'
Os trinta rapaces desta segunda quenda de Escive posaron xunto cos responsables dos proxectos para a 'foto de familia'
A USC, xunto coa Universidade Autónoma de Madrid, son as únicas universidades españolas que acolleron este programa

Os trinta alumnos de España e Portugal, procedentes do ensino secundario e do Bacharelato, seleccionados para participar na terceira edición do Programa Escive (Estancias Científicas de Verano) remataron este xoves 23 as súas actividades coa presentación de proxectos. Escive é unha iniciativa da Fundación Española para la Ciencia e la Tecnología (FECYT) e da Agência Nacional para a Cultura Científica e Tecnológica de Portugal.
A clausura desta segunda quenda de rapaces, coa que remata esta edición do programa de Estadías, celebrouse no Centro de Estudos Avanzados (CEA). O acto, no que tamén se lle entregou un diploma acreditativo aos rapaces, contou coas intervencións do vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino, da coordinadora do programa Escive, Maribel Braña; da coordinadora do Programa Ciencia Viva, Verónica Iglesias; e do coordinador do programa A Ponte, Luis Hervella.
O total de alumnos seleccionados nesta terceira edición de Escive organizáronse en grupos distintos cada un dos cales tivo un proxecto asignado. Os proxectos propostos foron ‘Augas residuais. Como eliminar a contaminación’, a cargo de Gumersindo Feijoo e José Luis Campos; ‘La tele que más mola’, do que son responsables Xosé Pereira e Manuel Gago; ‘Os musgos, detectives do aire’, de Jesús Aboa le Ángel Fernández; ‘MathematCSI: investigando un delito’, a cargo de Mª Victoria Otero e Rosana Rodríguez; ‘Enfermidades neurodexenerativas: do laboratorio á clínica’, coordinado por José L. Relova e Rosalía Gallego; e ‘¡Vivir, domir, tal vez soñar!, do que se responsabilizan Ángela Peñalva e Ignacio Muñoz.
Con anterioridade ao acto de clausura os alumnos presentaron de forma gráfica e teatral o traballo desenvolvido ao longo da súa estadía na Universidade. Así, no caso do proxecto ‘Investigando un delito’ os rapaces expuxeron as probas que é preciso realizar para determinar a identidade dun hipotético asasino aplicando fórmulas e deducións matemáticas (ángulo de tiro, temperatura do cadáver, …). Pola súa banda, os estudantes agrupados no proxecto ‘Musgos detectives do aire’ fixeron unha maqueta indicando o emprazamento da recollida dos musgos empregados na súa elaboración, empregándoa posteriormente para realizar diferentes análises nos laboratorios da facultade de Bioloxía e determinar o grao de contaminación do aire.
En ‘Augas residuais’ os rapaces visitaron unha depuradora para coller mostras, experiencia que relataron graficamente. En canto ao proxecto ‘La tele que más mola’, elaboraron un programa de televisión en función das preferencias para a captación do maior nivel de audiencia en determinados segmentos de público. En todos os proxectos, a valoración do resultado é, segundo os responsables da iniciativa, altamente satisfactorio tanto por parte dos alumnos como polos monitores e profesores participantes.
A Universidade de Santiago xunto coa Autónoma de Madrid son as únicas dúas universidades españolas que acollen este programa que pretende achegar aos máis novos á investigación científica e tecnolóxica poñendo ao seu alcance os medios empregados polos propios universitarios e facilitarlle a posibilidade de coñecer, convivir e colaborar cos estudantes doutros puntos de España e Portugal.

The contents of this page were updated on 07.23.2009.