Skip to main content

Presentado o anteproxecto do edificio que albergará a Escola de Enxeñaría Civil en Lugo

O anteproxecto do edificio que albergará a Escola de Enxeñaría civil no Campus de Lugo foi presentado este xoves polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro; e o seu vicepresidente primeiro, Antón Bao, logo de que a Mesa de Contratación da institución provincial propuxese para a súa adxudicación provisional a proposta que obtivo unha maior puntuación, das 27 que se presentaron para a redacción do proxecto.
Trátase da oferta presentada pola empresa PO2 Arquitectos, da que forman parte o arquitecto lugués Marcos Parga e a catalana Idoia Otegui Vicens. Na opinión do comité de expertos que fixo a avaliación –formado por dous arquitectos e un representante da USC-, “é a máis axeitada, porque ten unha alta calidade arquitectónica e aporta unha tipoloxía singular en torno a un patio interior que recrea e actualiza os primitivos claustros”.
Carlos Herrero manifestou que “é un día emocionante. Levamos traballando moito xunto coa Deputación para obter un proxecto axeitado, un edificio que posteriormente será un centro diferente e que albergará as titulacións de Enxeñería de Obras Públicas e Topografía”. Pola súa banda, Gómez Besteiro anunciou que “a adxudicación provisional será aprobada na Xunta de Goberno de mañá –venres 2 de outubro– polo trámite de urxencia xa que, tanto para nós como para a Universidade de Santiago este é un proxecto prioritario, e imos axilizar todos os trámites ó máximo para que o edificio sexa unha realidade canto antes”. Antón Bao destacou tamén que “esta iniciativa afonda na intensa relación da Deputación co Campus Universitario e permite incrementar a actividade universitaria”.
Polo que se refire aos criterios obxectivos, a oferta económica de P02 Arquitectos, de 103.000 euros, é unha das dúas máis baixas presentadas. En canto aos prazos, o proxecto redactarase en tres meses. O edificio custará 4 millóns de euros, que serán financiados ao 50% pola institución provincial e a Universidade de Santiago de Compostela, e construirase no Campus de Lugo, entre as avenidas de Madrid e Pablo Iglesias.
O prego de condicións establece que o novo inmoble universitario terá 4.000 metros cadrados construídos, así como un espazo dedicado ás prácticas coa creación de 8 laboratorios: 6 de topografía, cartografía, teledetección, fotometría e proxectos, e 2 de materiais e xeotecnia. Ademais contará cun tanque de oleaxe.

The contents of this page were updated on 10.01.2009.