Skip to main content

Achegas da Economía aos estudos criminolóxicos, conferencia que abre o curso no Monte da Condesa

A Residencia Universitaria Monte da Condesa inaugura este xoves 8 o curso académico coa conferencia ‘Achegas da Economía aos estudos criminolóxicos: principais liñas e exemplos concretos’ do profesor da USC José Caamaño Alegre. O acto será ás 21:30 horas na sala de coloquios da segunda planta. O conferenciante será presentado por Miguel Abel Souto, profesor da área de Dereito Penal da USC e director da residencia.
Caamaño comezará a súa intervención cunha aproximación ao campo da Análise Económica do Comportamento Criminal e do Dereito Penal e a partir de aí irá debullando algunhas achegas da ciencia económica ao estudo dos determinantes e custes do fenómeno delitivo, do efecto disuasorio e os beneficios do sistema penal, dos efectos colaterais das penas, e de certos tópicos en boga como a corrupción ou o narcotráfico.
O relatorio centrarase tamén no máis limitado subcampo da Economía da Xustiza Penal, destacando a necesidade de aplicar unha aproximación económico-xerencial á oferta das institucións do sistema de xustiza penal (xurisdición penal, forzas e corpos de seguridade do Estado, e institucións penitenciarias). E iso, en opinión de Caamaño, porque “os males da nosa xustiza penal non se remedian só con mellores políticas criminais ou máis diñeiro público, senón que fai falla tamén avanzar cara á excelencia na xestión desas institucións encargadas de aplicar esas políticas e administrar o diñeiro”.
José CamañoJosé Caamaño Alegre é profesor da área de Economía Política e Facenda Pública da Facultade de Dereito. A súa carreira investigadora centrouse sobre todo nos procesos orzamentarios e de control do gasto público, publicando sobre iso unha ampla monografía titulada El control del gasto bajo un prisma de Gestión Pública: análisis teórico y aplicaciones a la IGAE (2007, Instituto de Estudios Fiscales), ademais de diversos artigos en revistas especializadas como Presupuesto y Gasto Público, Revista Española de Control Externo, Auditoría Pública, Revista de Derecho Financiero y de Hacienda Pública ou Papeles de Economía Española. Durante o Goberno bipartito asesorou externamente á Xunta de Galicia en materia de procesos orzamentarios, transparencia e boas prácticas, contribuíndo así mesmo aos esforzos realizados pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) no ámbito da ética pública.
Outro campo de interese do profesor Caamaño é a avaliación de resultados dos programas de gasto público, especialmente nas áreas de xustiza e educación. Precisamente na primeira encádranse varios traballos relativos á economía da xustiza penal e institucións penitenciarias.

The contents of this page were updated on 10.07.2009.