Skip to main content

"O cambio climático non é deliberado, senón consecuencia da vida sobre o planeta"

James Lovelock na rolda de prensa
James Lovelock na rolda de prensa
O científico británico James Lovelock recolle esta noite o Premio Fonseca 2009

“Os seres humanos non somos culpables do cambio climático, só seremos culpables de non buscar solucións”. Con esta firme e polémica idea presentouse ante os medios de comunicación o científico británico James Lovelock (Hertfordshire, 1919) que esta noite, ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia, recollerá o Premio Fonseca de comunicación da ciencia 2009 que convocan a Universidade e o Consorcio compostelán e que na súa primeira edición recaeu en Stephen Hawking.

Para este ambientalista autor da Teoría de Gaia ('a Terra é un superorganismo que se autorregula') o cambio climático non é deliberado senón consecuencia da vida sobre o planeta e agora o que toca é adaptarse a todos estes cambios, “que serán moitos e importantes”. O que o home fai é alterar as condicións da vida, pero a Terra reaccionará e a vida continuará o seu curso “con ou sen nós”. “O que nós lle fagamos a Gaia será un problema para nós, pero non para ela”, sentenciou.

“Non nos poñamos moralistas, a evolución do planeta é un continuo experimento e nós somos o resultado dese experimento, só debemos ter a suficiente capacidade para adaptarnos aos cambios que se darán nun curto espazo de tempo". Advertiu, por exemplo, que zonas como Galicia ou Irlanda terán que dar acollida aos refuxiados que cheguen "do deserto no que se converterá a maioría de Europa".
Que facer entón? Buscar vida noutros planetas como apuntan algúns científicos? Lovelock responde con rotundidade: “non, a terra é o único planeta con vida no sistema solar”. O que hai que facer, apunta, é aproveitar o que temos para que a terra non se converta en Marte, “algo que podería acontecer en 500 millóns de anos”.

Sobre a cuestión enerxética Lovelock mostrouse partidario da enerxía nuclear, “a única alternativa” para combater o esgotamento enerxético. “As renovables non abondan”, dixo. Ademais, cualificou de “esaxerada” a polémica en torno aos residuos nucleares, “unha ameaza en absoluto comparable coa queima de combustibles fósiles”. De feito, asegurou estar disposto a almacenalos xunto da súa casa.

Entrega do Premio

No Auditorio de Galicia terá lugar a cerimonia de entrega do galardón na que o propio Lovelock pronunciará para todo o público a conferencia ‘Cambio climático nun planeta vivente’ que disporá de tradución simultánea. Previamente terá recollido de mans do reitor a reprodución en bronce de Alonso III de Fonseca deseñada polo escultor Ramón Conde e o pergamiño acreditativo do Premio que lle entregará o alcalde.

Será o coordinador do Programa ConCiencia, o profesor Jorge Mira, quen dea lectura á acta do xurado que nomeou a Lovelock e que, ademais do reitor e el mesmo, estivo formado polo xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o director de programas do Consorcio, Xosé Denis; o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla; o director da revista Muy Interesante, José Pardina; o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo; e o director do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, Ramón Núñez. Todos eles valoraron de Lovelock a súa “excepcional condición” de xerador de conciencia crítica.

Ampla traxectoria

utor da coñecida ‘Teoría de Gaia’, a súa variada traxectoria científica queda ás veces oculta pola súa significación de líder ideolóxico e emblema do movemento medioambiental. Químico de formación, doutorouse en Medicina e entre os anos 40 e 50 desenvolveu investigación en centros pioneiros nos EE.UU. culminados na Universidade de Harvard.

Esa formación tan miscelánea levouno a unha nacente NASA en 1961. Alí creou e desenvolveu moitos dos instrumentos empregados no programa de investigación doutros planetas, con especial énfase en Marte. Precisamente na tarefa de pescudar métodos de detección de vida foi como se lle ocorreu a hipótese de Gaia.
A súa enorme popularidade oculta tamén a súa faceta como inventor (moi activa na sonda Viking, a primeira enviada pola NASA a Marte), na que destaca sobre todo coa invención do Detector de Captura de Electróns, clave en cromatografía de gases para detectar trazas de compoñentes químicos no seu seo, a uns niveis indetectables por outras técnicas.

Ese achado levou a outros fundamentais da investigación medioambiental, como o descubrimento da ubicuidade de residuos de pesticidas no planeta e, sobre todo, de CFC na atmosfera, que el mesmo fixo nos anos 60 sobre Irlanda e a principios dos anos 70 na Antártida. Logo de escoitar un relatorio de Lovelock acerca dos resultados, os norteamericanos Frank Rowland e Mario Molina continuaron o traballo e descubriron o grave perigo que o CFC entrañaba para a capa de ozono (o escudo do planeta fronte á radiación ultravioleta), traballo polo que lles foi concedido o Premio Nobel de Química en 1995. A posterior confirmación do burato de ozono nos Polos levou aos gobernos do mundo a prohibir o uso do CFC, na que é unha das principais iniciativas medioambientais tomadas a escala mundial. Por todas estas achegas ten recibido múltiples galardóns, en eidos que van dende a pura creación técnica ata a climatoloxía.

Líder ideolóxico

súa posición de liderado científico, sobre todo na ciencia medioambiental, foi acompañada por un liderado pioneiro na creación de opinión pública, cuns efectos incalculables. Ese rol reforzouno a partir de finais dos anos setenta iniciando un labor divulgador máis directo coa publicación de libros claves no ideario verde. Sobre todo destaca Gaia: unha nova mirada á vida sobre a Terra, publicado en 1979, ao que lle seguirían outros moitos, todos cunha profunda pegada e récord de vendas.

Premio Fonseca

Premio Fonseca, enmarcado no Programa Conciencia, leva o nome dun dos fundadores da USC, persoeiro de capital importancia na conformación de Santiago como lugar de gran riqueza intelectual e científica e como foro de creatividade.

The contents of this page were updated on 02.08.2022.