Skip to main content

Robótica, a influencia da globalización no eido laboral e a rehabilitación social dos presos, temas de tres novos cursos de verán que comezan o martes en Santiago

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC 2009

Control automático e robótica con ferramentas Open Source, Relacións Laborais e globalización e a rehabilitación social dos presos, son os temas aos que estarán dedicados os tres cursos de verán que este martes 13 comezarán en Santiago.
O primeiro deles, ‘II Xornadas de Control Automático e Robótica con ferramentas Open Source 09’ inaugurarase ás 9:20 horas na Aula I5 da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago. As xornadas queren servir de introdución ao control automático e aos rudimentos básicos da robótica con microcontroladores, todo iso empregando licenzas libres. No curso presentarase de forma práctica tanto o uso de hardware libre Arduino como as ferramentas de programación necesarias e dispoñibles en GNU/Linux.
Aínda que o curso estenderase ata o próximo día 17, o xoves 16 entre as 17:30 e as 18:30 horas celebrarase un obradoiro no que os alumnos porán en práctica todos os contidos aprendidos durante as xornadas anteriores, a través da programación de comportamentos adaptativos nun minirobot móbil.
Relacións Laborais e globalizaciónRelacións laborais e globalización’, pretende pór de manifesto a influencia do fenómeno da globalización no Dereito do Traballo, xa que modifica as tradicionais relacións laborais, limitadas a un concreto territorio, para expandilas até diferentes Estados onde impera un ordenamento propio e característico de cada un deles.
A inauguración oficial do curso celebrarase a partir das 9:30 horas na Escola de Relacións Laborais de Santiago. Ao longo das 30 horas lectivas de que consta presentarase aos asistentes un programa que estude, en profundidade, os aspectos máis relevantes que a globalización produce no eido das relacións laborais co fin de que os estudantes poidan obter unha visión detallada deste fenómeno, mais aló de tópicos ou informacións superficiais.
Rehabilitación dos presosUn grupo de internos da prisión de Teixeiro intervirá este martes 14 no curso 'A rehabilitación social dos nosos presos: unha tarefa colectiva (especial referencia ao caso galego)', que a USC desenvolverá ata o 17 na Facultade de Dereito. Será ás 12:00 horas cando internos do Centro Penitenciario de Teixeiro participen nun debate no que contarán as súas propias experiencias.
O curso inaugurarase ás 10:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito nun acto ao que asisten a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abellá, o vicerreitor da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos, e o director do curso, José M Lorenzo Salgado. A continuación, o xuíz de Vixianza Penitenciaria da Audiencia Nacional, José Luís de Castro, pronunciará a conferencia ‘Lei Penitenciaria: presente e perspectivas de futuro’.
Nestes catro días circularán pola Facultade de Dereito personaxes e expertos de gran calado que mostrarán nas diferentes intervencións os seus puntos de vista e experiencias.

The contents of this page were updated on 07.13.2009.