Skip to main content

Un traballo sobre a aprendizaxe cooperativa no docente de Patoloxía Xeral veterinaria gaña o primeiro premio á Innovación Educativa e Mellora da Calidade Docente na USC

Cristina Castillo recibiu o primeiro premio desta convocatoria
Cristina Castillo recibiu o primeiro premio desta convocatoria

O traballo ‘A aprendizaxe cooperativa no docente de Patoloxía Xeral veterinaria no marco do Espazo Europeo de Educación Superior’, da profesora de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria Cristina Castillo, resultou gañador do primeiro premio á Innovación Educativa e Mellora da Calidade Docente na USC.
O segundo premio foi parar ás mans de Ignacio Salazar, do Departamento de Anatomía e Produción Animal de Veterinaria, polo proxecto ‘Plan de choque para a mellora do rendemento académico dos alumnos e alumnas na materia de Anatomía e Embrioloxía 1 na licenciatura de Veterinaria da USC’.
‘Matemática discreta para Enxeñaría informática: aproveitamento das TIC na aula virtual e un estudo de caso por cooperación de grupos’, do profesor de Matemáticas Felipe Gago, conseguiu o terceiro premio, mentes que o cuarto foi para María Teresa Díaz, de Lingua Española, por ‘Aula plurilingüe e multicultural: estratexias de integración’.
Xa o quinto e sexto premio recaeu nos traballos ‘Microbios e medios de comunicación. Unha proposta educativa para mellorar o rendemento académico dos alumnos de Microbioloxía Clínica: Bacterioloxía na Facultade de Farmacia’ e ‘A avaliación continua nos ensinos xurídicos. Algunhas experiencias na docencia do dereito do traballo’, dos docentes Ángeles Muñoz Crego, de Farmacia, e José María Miranda Boto, de Dereito, respectivamente.
A convocatoria ten como finalidade fomentar a innovación educativa no ensino superior para dar pulo aos procesos de mellora do ensino-aprendizaxe nos centros e departamentos da Universidade de Santiago, e contribuír á colaboración institucional na construción do espazo europeo de ensino superior, tendo como referencia os principios fundamentais expresados na Declaración de Bolonia.
A entrega dos galardóns tivo lugar esta mañá en San Xerome nun acto que presidiu o reitor Senén Barro e no que o director do Instituto de Ciencias da Educación, José Cajide, deu lectura á acta do xurado. Para Barro, os docentes premiados son “unha clara vangarda de moitos outros que tamén están liderando o proceso de innovación educativa”.

The contents of this page were updated on 12.21.2009.