Trinta persoas participan nun obradoiro de emprego sobre aplicacións informáticas na Aula de Produtos Lácteos

Trinta persoas, maiores de 25 anos e en paro, participan no obradoiro de emprego ‘Interleite 2.0’ que o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, a delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, e o director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez, inauguraron este martes nestas instalacións da USC.
‘Interleite 2.0’ é o cuarto obradoiro de emprego que se pon en marcha na Aula de Produtos Lácteos e, ao igual que os anteriores, destaca pola súa creatividade, xa que aborda unha área pouco habitual neste tipo de actividades como son as novas tecnoloxías, e por adaptar a formación ás necesidades actuais no mundo laboral.
Ao longo do ano que dura o obradoiro, os alumnos distribuiranse en grupos de 10 para formarse nas especialidades de deseño gráfico e multimedia, redes e aplicacións informáticas, e elaboración de produtos lácteos e contidos web. Con estes coñecementos, terán que crear un mapa interactivo do sector lácteo galego no que estean representadas todas as empresas, a 18 das cales apoiarán na posta en marcha ou mantemento das súas propias páxinas webs. Ademais, actualizarán os contidos pedagóxicos dos 28 cursos específicos sobre o sector lácteo dispoñibles na plataforma da Aula de Produtos Lácteos e que mudarán a unha das plataformas máis coñecidas da teleformación, achegaranse ao traballo que se leva a cabo na planta piloto luguesa e elaborarán dous cursos de formación a través da rede que tratarán sobre o control da xestión dos residuos na industria láctea e a elaboración de produtos lácteos ecolóxicos. Estes cursos, cada vez máis demandados polos traballadores e profesionais do sector, contribuirán a complementar a oferta formativa sobre a industria leiteira e os seus derivados.
O obradoiro ‘Interleite 2.0’ conta cun investimento de 672.228 euros aportados conxuntamente pola USC e a Consellería de Traballo e Benestar. O seu obxectivo é mellorar a formación e a empregabilidade dos participantes, que reciben unha completa formación ao tempo que perciben un salario polo seu traballo.