Nace a Escola de verán sobre dereitos humanos e cooperación, da man da USC e a Fundación 'la Caixa'
Facer visible o debate universitario existente sobre cuestións de dereitos humanos e cooperación ao desenvolvemento é o propósito da Escola de Verán organizada coa colaboración da Fundación ‘la Caixa’ no Ano internacional para a docencia en dereitos humanos.
A Escola sobre dereitos humanos e cooperación da USC desenvolverase en Santiago de Compostela entre o 7 de xullo e o 24 de setembro. Caracterizada polo seu enfoque transversal, está integrada por catro cursos de verán nos que os alumnos poden matricularse de xeito independente.
A Facultade de Dereito será a que acolla o primeiro, entre o 7 e o 9 de xullo, titulado ‘Sistemas de protección dos dereitos humanos e conflitos armados no actual contexto internacional: unha valoración da súa eficacia’. O segundo curso, ‘O enfoque baseado en dereitos humanos na cooperación para o desenvolvemento: fundamento e práctica’, celebrarase en Ciencias Políticas a partir do 13 deste mes, e dous días máis tarde en Medicina dará comezo o dedicado ao papel dos profesionais sanitarios nos proxectos de cooperación internacionais.
A Escola pecharase no mes de setembro co último dos cursos, titulado ‘Educación, dereitos humanos e proxectos de cooperación’, que se desenvolverá entre os días 22 e 24 na Facultade de Ciencias da Educación.
Inauguración da Escola de VeránA Escola de Verán abrirá as súas portas o vindeiro martes, 7 de xullo, nun acto no que participarán o vicerreitor de Política Internacional da USC, Agustín Merino; a subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero; e a directora de Área de Negocio de ‘la Caixa’ en Santiago, Beatriz Rodriguez.
Asistirán ademais os directores dos catro cursos, se ben intervirá unicamente en representación de todos eles o profesor Jorge Pueyo, catedrático de Dereito Internacional e director do que comeza ese mesmo día. A inauguración será ás 9:30 horas na Facultade de Dereito.
Exposición Chasing the dream (Perseguindo un soño)Nas catro facultades onde terán lugar os cursos da escola de verán da USC presentarase a exposición itinerante ‘Chasing the Dream’, producida polo Programa de Cooperación Internacional da Fundación “la Caixa” e a Campaña do Milenio. Esta exposición mostra os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio a través das vidas de oito mozos e mozas de diferentes partes do mundo para ensinar o seu extraordinario desexo de superarse a eles mesmos diante de toda adversidade.
O Programa de Cooperación Internacional da Fundación “la Caixa”O Programa de Cooperación Internacional súmase, dende 1997, ao compromiso solidario de contribuír a erradicar a pobreza extrema nos países en vías de desenvolvemento de África, Asia e Latinoamérica.