Skip to main content

Alumnos de vinte e oito países conflúen nos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia

Os cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia comezaron este venres 3 a súa vixésimo segunda edición coa súa inauguración oficial nun acto que se celebrou no Salón de Actos da Facultade de Filosofía.
Asistiron á inauguración o vicerreitor de Profesorado e Organización Académica, Juan Viaño; o secretario da Real Academia Galega, Manuel González; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o director dos cursos, o profesor Francisco Fernández Rei; e a directora do Instituto da Lingua Galega, a profesora Rosario Álvarez.
En 2009, participan máis de cen estudantes procedentes de vinte e oito estados como Alemaña, Arxentina, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Costa Rica, Croacia, Cuba, Eslovenia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Indonesia, Italia, Marrocos, México, Polonia, Porto Rico, Portugal, Romanía, Rusia, Serbia, Ucraína e Venezuela.
Con esta nova edición, máis de dous millares de alumnos de todo o mundo teñen pasado polas aulas da USC para participar nesta iniciativa formativa e cultural que organizan conxuntamente o Instituto da Lingua Galega da USC, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O fin primordial do curso será dar aos estudantes a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia. Así, ademais das clases teóricas e prácticas de lingua galega, están programadas leccións sobre a literatura, historia, xeografía ou arte de Galicia, así como excursións e visitas a lugares de principal interese cultural e paisaxístico.
O curso contempla distintos niveis, un elemental de iniciación á lingua galega, para estudantes que desexen introducirse no seu coñecemento; outro medio, destinado a estudantes que xa cursaron o elemental ou que posúan un coñecemento básico do idioma; e finalmente un curso superior de Filoloxía Galega.

The contents of this page were updated on 07.03.2009.