Skip to main content

Comezan en Compostela, Vilagarcía de Arousa, Guitiriz, Moaña e Lalín sete cursos de verán da USC

nova
nova
Universidade de Verán da USC 2009. En Compostela, paralelamente, arranca a Escola de Verán sobre dereitos humanos e cooperación que impulsan a USC e a Fundación 'la Caixa'

Un total de sete cursos da Universidade de Verán da USC 2009 botan a andar este martes 7 en Santiago, Vilagarcía de Arousa, Guitiriz, Moaña e Lalín. Entre eles atópase o de ‘Dereitos Humanos e protección das vítimas dos conflitos armados no actual contexto’, co que se inaugurará paralelamente a Escola de Verán sobre dereitos humanos e cooperación que impulsan a USC e a Fundación ‘la Caixa’.
Esta Escola de Verán abrirá as súas portas nun acto no que participarán o vicerreitor de Política Internacional da USC, Agustín Merino; a subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero; e o responsable de Institucións da Delegación Xeral de Galicia de ‘la Caixa’, Javier Rodríguez. Asistirán ademais os directores dos catro cursos, se ben intervirá unicamente en representación de todos eles o profesor Jorge Pueyo, catedrático de Dereito Internacional e director do que comeza ese mesmo día. A inauguración será ás 9:30 horas na Aula 2 da Facultade de Dereito.
SantiagoO segundo dos cursos que inician a súa actividade en Compostela é o dedicado a ‘Educación e vida saudable: servizos, programas e iniciativas para a inclusión social’. A inauguración celebrarase a partir das 9:30 horas na Aula Sarmiento da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) coa presenza do vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán; do decano do centro, Lois Ferradas; e da presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, Azucena Rodríguez.
O obxectivo deste curso é contribuír a recoñecer a saúde como un dos piares fundamentais do desenvolvemento humano achegando á comunidade universitaria as políticas e prácticas educativas neste senso.
Finalmente, tamén este mesmo martes en Santiago, comezará o curso ‘O menor en perspectiva xurídica: fórmulas de protección interna e internacional’ no que se presentarán as situacións comúns de riscos para un menor, entendendo por tales as situacións de feito ou de dereito que prexudiquen o desenvolvemento persoal ou social dun menor. A súa inauguración oficial celebrarase a partir das 10:15 horas no Salón de Actos da Facultade de Dereito.
Vilagarcía‘A auga como ben de consumo: medio ambiente e sociedade’ é o curso de verán que a Universidade de Santiago impartirá a partir de este martes 7 no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, co fin de dar a coñecer a importancia da auga como produto de consumo e como compoñente básico da biosfera. A súa inauguración oficial está programada para as 10:00 horas.
Dirixido por Fernando Cobo Gradín e María José Servia García, o curso consta de 32 horas, ata o 10 de xullo, nas que se analizará a disparidade de intereses que concorren arredor do consumo da auga e como compoñente natural. Así, tamén se tratará o papel que xogan os diferentes axentes implicados, tendo en conta ademais as advertencias da comunidade científica e de moitas agrupacións ecoloxistas.
Guitiriz‘Cultura e paisaxe’ é o tema do curso que tamén se inaugura este martes en Guitiriz, onde se vai desenvolver ata o próximo día 10. O acto inaugural será ás 10:30 horas na Casa Habanera desta localidade. O curso, dirixido polo profesor Roxelio Pérez Moreira, pretende pór de manifesto a paisaxe como unha descuberta da cultura e a importancia da mirada, culturalmente cualificada, na valoración da paisaxe.
Así mesmo, ao longo destes días analizaranse as diferentes interpretacións emocionais como territoriais ou doutro tipo que podan suxerir disciplinas como a arte, a literatura, a arquitectura, a xeografía, a ecoloxía, a ordenación ou mesmo como identidade sociocultural.
MoañaEn Moaña, o primeiro dos dous cursos estivais programados para este verán estará dedicado ao tema ‘Inmunoloxía na sociedade’, tendo como obxectivo dar unha visión global da Inmunoloxía como ciencia e a súa importancia para as persoas e a sociedade. No Auditorio do IES As Barxas, a inauguración está programada para as 9:15 horas coa participación do alcalde de Moaña, Xosé Manuel Millán.
Dada a amplitude do ámbito abarcado, o curso, de 32 horas, preséntase diferenciado en catro bloques temáticos, a tratar un por día, inmunoloxía nos servizos sanitarios, na industria biotecnolóxica, na investigación biomédica e noutras investigacións biolóxicas.
LalínNo concello de Lalín, a proposta estival da USC para este ano centrarase no curso ‘Novas fronteiras na igualdade de oportunidades:estado de benestar e xénero (participación social –corresponsabilidade-dependencia-xestión dos tempos)’. A súa inauguración celebrarase a partir das 9:30 horas no Auditorio Municipal.
O curso, que dirixen Maria José Méndez Lois e María Jesús Payo Negro, terá como obxectivo retomar, desde a perspectiva de xénero, as ideas claves do pacto orixinal do estado de benestar, incluíndo a análise de novas estratexias organizativas e incorporándoo, así mesmo, aos debates actuais das políticas sociais relacionados coa atención e o coidado das persoas dependentes.

The contents of this page were updated on 07.06.2009.