Skip to main content

Aseguran que o uso de métodos educativos adaptados para menores con dislexia reduciría o índice de fracaso escolar

O Máster de Intervención en Trastornos do Desenvolvemento e Atención Temperá profunda nos avances para axudar ao desenvolvemento educativo dos escolares con esta patoloxía

Os colexios galegos carecen hoxe dun método educativo adaptado para os menores con dislexia, un trastorno neuronal que dificulta a capacidade para distinguir e memorizar as letras e que afecta a entre un 5 e un 10% dos menores. Así o denunciaron os membros da Asociación Galega de Dislexia (Agadix) que participaron nunha das clases do Máster de Intervención en Trastornos do Desenvolvemento e Atención Temperá, organizado polo Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC.
Segundo Agadix, o sistema educativo actual “non ofrece alternativas ao uso da lectura e escritura e tampouco se ten en conta que a aprendizaxe destes nenos é multisectorial, cunha grande importancia da parte visual e auditiva”. Por iso, e por non recibir uns métodos educativos adecuados “unha gran maioría acaba no grupo do fracaso escolar”.
Para solventar esta situación, dende Agadix demandan á Administración a posta en marcha dun estudo que identifique aos alumnos disléxicos escolarizados nos centros galegos así como unha formación especifica para o profesorado de primaria e secundaria, co fin de “adoptar estratexias metodológicas adaptadas a este tipo de alumnos e implementar materiais de traballo que faciliten a súa aprendizaxe”.
Evitar “un calvario”Os membros da Asociación Galega de Dislexia participantes no Máster destacaron tamén a importancia da atención temperá nos escolares con esta patoloxía porque “unha intervención adecuada cando son pequenos fai que o paso do neno polo colexio non sexa un calvario”. "Cunha modificación metodolóxica o seu rendemento varia moitísimo”, explican.
Neste sentido, os participantes no Máster de Intervención Temperá se especializan, da man de profesionais na materia, nas últimas técnicas para axudar aos menores que presentan algún tipo de trastorno no desenvolvemento. Para iso, levan a cabo programas de intervención que lles axudan a mellorar as súas destrezas sociais e educativas.

The contents of this page were updated on 12.03.2009.