Expertos internacionais debaten en Compostela sobre o ensino do Dereito de cara a Bolonia
Corenta docentes e investigadores de máis de dez Universidades españolas reuniranse a vindeira semana no II Simposio compostelán sobre ensinanzas xurídicas que nesta ocasión se centrará no Proceso de Bolonia.
A inminencia da chegada do Espazo Europeo de Educación Superior fai que nesta segunda ocasión a Facultade de Dereito da USC organice un encontro académico para tratar novas técnicas docentes a implementar no futuro.
Ás 9:30 horas do luns, 14 de setembro, terá lugar na Facultade a inauguración, que presidirá o seu decano, Luis Míguez. Deseguido intervirá o catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de León, Juan Antonio García Amado. A outra conferencia do simposio será o martes ás 10:00 horas a cargo da profesora da USC Alba Nogueira López, quen analizará a avaliación da actividade docente e investigadora do profesorado no marco do EEES.
Ademais de numerosas comunicacións, o encontro contempla o desenvolvemento de dúas táboas redondas coa participación de expertos internacionais. O luns, a partir das 16:00 horas, participarán nun debate sobre a ensinanza do Dereito no ámbito comparado o decano da Facultade da Universidade de Normandie (Francia), Jean-François Akadji-Combé; os profesores de Dereito Administrativo da Universidade Roma Tre (Italia), Giovanni Maria Caruso e Federico Dinelli; e o profesor da Universidade de Minho (Portugal), Carlos d´Abreu Amorim.
A adaptación dos estudos xurídicos ao EEES é a cuestión de debate da segunda mesa, o martes ás 16:00 horas, e na que intervirán o decano da Facultade compostelá, o profesor da Pompeu Fabra Antoni Rubí Puig, e o docente da Complutense Daniel Berzosa López.