Skip to main content

O Dereito en Bolonia, eixo de debate do segundo simposio sobre ensinanzas xurídicas

Participan no simposio profesores de Universidades españolas e europeas
Participan no simposio profesores de Universidades españolas e europeas

Corenta docentes e investigadores de máis de dez Universidades españolas reúnense este luns e o martes 15 no II Simposio compostelán sobre ensinanzas xurídicas que, co patrocinio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria, nesta ocasión se centrará no Proceso de Bolonia.
A inminencia da chegada do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) fixo que nesta segunda ocasión a Facultade de Dereito da USC organizase un encontro académico para tratar novas técnicas docentes a implementar no futuro.
Ao longo das dúas xornadas profesores de Dereito provenientes da USC e das Universidades de Normandía, Roma Tre, Minho, León, Pública de Navarra, Cádiz, Huelva, Pablo de Olavide, Rey Juan Carlos I, ETEA-Córdoba, Vigo, Barcelona, Complutense de Madrid, A Coruña, Sevilla, Zaragoza, Oviedo, Francisco de Vitoria e do Centro Universitario Villanueva discutirán as novas metodoloxías no marco do EEES, compartindo e comparando experiencias, proxectos e ideas.
A inauguración tivo lugar esta mañá na Facultade presidida polo seu decano, Luis Míguez. Deseguido interveu o catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de León, Juan Antonio García Amado. A outra conferencia do simposio será este martes ás 10:00 horas a cargo da profesora da USC Alba Nogueira López, que analizará a avaliación da actividade docente e investigadora do profesorado no marco do EEES.
Ademais de numerosas comunicacións, o encontro contempla o desenvolvemento de dúas táboas redondas coa participación de expertos internacionais. Na tarde do luns interveñen nun debate sobre a ensinanza do Dereito no ámbito comparado o decano da Facultade da Universidade de Normandie (Francia), Jean-François Akadji-Combé; os profesores de Dereito Administrativo da Universidade Roma Tre (Italia), Giovanni Maria Caruso e Federico Dinelli; e o profesor da Universidade de Minho (Portugal), Carlos d´Abreu Amorim.
A adaptación dos estudos xurídicos ao EEES será a cuestión de debate da segunda mesa, o martes ás 16:00 horas, e na que intervirán o decano da Facultade compostelá, o profesor da Pompeu Fabra Antoni Rubí Puig, e o docente da Complutense Daniel Berzosa López.

The contents of this page were updated on 09.14.2009.