Comeza a programación académica do Curso de Especialista en Mediación
A segunda edición do Curso de Especialista en Mediación iniciará o período académico o vindeiro luns, día 3, duplicando o seu número de alumnos con respecto á convocatoria do pasado curso, ao pasar de catorce matriculados aos vinte e catro da presente edición.
A inauguración celebrarase a partir das 19:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito, nun acto presidido polo vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, e no que tamén estarán presentes todas as institucións que colaboran nesta edición. Así, asisten ademais, a directora xeral de Xustiza, Begoña Santos; as secretarias xerais de Igualdade e de Benestar, Carme Adán e Mª Jesús Lago, respectivamente; o decano da Facultade de Dereito, Luís Míguez Macho; o presidente do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia, Martín Bermúdez; e a directora do curso, a profesora de Dereito Procesal Raquel Castillejo.
Este posgrao propio da USC forma a profesionais especializados no dominio das técnicas de negociación e mediación nos diferentes ámbitos nos que se pode producir un conflito, xa sexa no terreo familiar, escolar, civil, penal, coa administración, laboral ou entre menores.