Esta noite e a do martes 12 serán as mellores para ver as 'Bágoas de San Lourenzo'
As Perseidas, coñecidas popularmente como as ‘Bágoas de San Lourenzo’, porque no pasado víanse o día 10 de agosto, poden observarse esporadicamente dende o 17 de xullo ao 24 de agosto. Este ano as mellores noites para velas, se as condicións metereolóxicas son propicias, serán a deste luns e a do martes 12, aínda que non asistiremos ao máximo de actividade da choiva de estrelas previsto para o mediodía do martes.
Segundo explicou o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, José Ángel Docobo, as estimacións máis optimistas apuntan a posibilidade de ver máis de 100 estrelas fugaces á hora, apesar de que “non son boas condicións” pois a fase lunar está entre cuarto crecente e chea.
O profesor Docobo tamén lembra que para un correcto avistamento é recomendable situarse nun lugar suficientemente oscuro, lonxe das luces das cidades e colocarse, preferentemente, deitado mirando cara arriba.
As PerseidasDende que no ano 36 d. C. se tivo o primeiro testemuño delas, as Perseidas acoden puntualmente a súa cita de agosto. Son, sen dúbida, as "estrelas fugaces" máis famosas e non só porque anos atrás deran lugar a espectaculares choivas, senón, sobre todo, porque son visibles no mes vacacional por excelencia.
Como ben é sabido, as chamadas "choivas de estrelas" prodúcense cando a Terra pasa a través do regueiro de partículas que os cometas deixan tras de si ao moverse arredor do Sol. O cometa proxenitor das Perseidas, chamadas así porque o radiante ou punto do ceo de onde parecen provir está na constelación de Perseo, é o Swift-Tuttle. Este cometa foi descuberto en 1862 dende Estados Unidos por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle case de forma simultánea e pouco despois o astrónomo italiano Giovanni Schiaparelli advertiu da súa relación coas Perseidas. O Swift-Tuttle describe a súa órbita en pouco máis de 135 anos, e foi en decembro de 1992 cando pasou por última vez preto do Sol.
Eclipse parcial de LúaJosé Ángel Docobo advirte que o vindeiro sábado, día 16, terá lugar un eclipse parcial de Lúa visible en toda a Península Ibérica. Ademais, indica que nestas noites de verán pódese contemplar con claridade a Vía Láctea que se estende pola bóveda celeste e pasa polas constelacións Perseus, Cassiopea, Cygnus, Aquila e Sagitarius. Outro dos espectáculos celestes presente nesta época do ano á unha da madrugada no máis alto do ceo é o Triángulo de Verán que está composto por tres estrelas brillantes que son Vega, en Lyra, Altair, en Aquila, e Deneb, en Cygnus.
Por outra banda, o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller avisa que a constelación Perseus sae en Galicia á medianoite cara o noroeste e está situada entre Cassiopea, visible toda a noite, e Taurus, que sae ás 2:30 horas. Con axuda duns prismáticos, en Perseus pódese ver o famoso Dobre Cúmulo, constituído por dúas asociacións estelares moi próximas.
Así mesmo, cun pequeno telescopio, accédese á nebulosa anular de Lyra, cerca de Vega, ao cúmulo globular M13 en Hércules e á estrela dobre Albireo en Cygnus, na que unha compoñente é azul e a outra laranxa.
Sobre a observación de planetas, a primeiras horas da noite Xúpiter está cara o sur brillando en Scorpius, xusto enriba de Antares, unha preciosa estrela de cor vermella. Ademais, Marte, situado en Taurus entre o cúmulo das Pleiades e Aldebarán, será o protagonista da noite deste domingo xa que varias Perseidas pasarán preto deste astro.