A exposición 'Dos ábacos aos computadores abre o mércores na Facultade de Veterinaria de Lugo
A Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC) inaugura este mércores 1 de outubro na Facultade de Veterinaria a exposición ‘Dos ábacos aos computadores’, organizada co patrocinio de Caixanova. O acto de apertura da mostra terá lugar ás 20:30 horas no vestíbulo do Auditorio e rematará cun concerto a cargo do pianista Nicasio Gradaille baixo o título Música para 88.
Esta mostra, comisariada por Manuel R. Bermejo Patiño co asesoramento de Andrés Díaz Pazos, Rafael Sisto e Belén Bermejo, pretende ser unha aproximación dende o cálculo histórico ata o cálculo hoxe. Para iso válese dunha presentación diacrónica do proceso de cálculo na sociedade ata a chegada da informática, facendo fincapé na instrumentación actual para tentar amosar como pode ser o futuro.
A inauguración estará a cargo do vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, que estará acompañado polo comisario da mostra, o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao, e o xefe da comarca de Lugo de Caixanova, Xesús Vidal. O horario de visitas desta mostra será de luns a venres de 11:00 a 13:00, de 14:00 a 16:00 e de 18:00 a 21:00. Os domingos o horario será de 17:00 a 20:00 horas.
A exposición iníciase cunha introdución aos métodos de cálculo na Humanidade: dende os ábacos na cultura oriental ata o cálculo da cultura islámica, pasando polas achegas da cultura greco-romana. O posterior progreso no cálculo matemático posibilita o deseño das primeiras calculadoras da historia: máquinas de Pascal, Babbage, Hollerith ou Torres Quevedo. Prosegue o desenvolvemento científico e permite o deseño tecnolóxico de novas máquinas -os computadores- que, sinerxicamente, actúan sobre o cálculo impulsando un maior desenvolvemento das matemáticas.
Nesta produción, que se poderá visitar ata o 30 de outubro, amósanse moitas das máquinas que coñecemos: o primeiro UNIVAC 1130 da USC, as máquinas perforadoras de tarxetas, as primeiras memorias electrónicas, máquinas de cálculos diversos ou distintos compoñentes dos ordenadores, co obxecto de que a sociedade comprenda como foron evolucionando historicamente os computadores ata o que son hoxe. Boa parte destas pezas procede, ademais da USC, do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e do Museo Naval de Ferrol.