Novos investigadores en Neurociencia debaten na USC
Dinamizar a discusión de traballos científicos sobre neurociencia e crear un marco idóneo de debate é o obxectivo da IV Xornada para Novos Investigadores neste eido. A inauguración oficial terá lugar este martes 22, ás 9:30 horas, na Aula Castelao da Facultade de Medicina.
Ao acto de apertura asisten o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido; o decano do centro, José María Fraga; e as vicerreitoras de Investigación e de Profesorado da USC, María José Alonso e María Dolores Domínguez; respectivamente.
Deseguido, o profesor da Universidade estadounidense de Pensilvania Zissimos Mourelatos pronunciará, ás 9:45 horas, a conferencia ‘Pequenos ARNes reguladores: bioxénese e función’. Presentará ao experto a coordinadora do Programa Interuniversitario de Neurociencia, Celina Rodicio.
A sesión matinal destinarase a partir das 10:45 horas a cuestións de neuroanatomía como os efectos do exercicio físico durante o avellentamento, a busca de biomarcadores periféricos en trastornos do estado do ánimo ou o caso de peces cartilaginosos. Tamén se abordarán ás 12:35 horas aspectos de neurofisioloxía entre os que destaca a achega experimental a un proceso de discriminación sensorial ou o estudo dos receptores olfativos en troitas comúns e peixes cebras.
Charlas pola tardeXa pola tarde, falarase, ás 16:00 horas, de neurofarmacoloxía, neuroxenómica e neuroproteómica e, ás 17:00 horas, de psicobioloxía e psiquiatría con temas como os cambios asociados ao avellentamento normal ou a análise de compostos activos sobre un receptor de serotonina, entre outros.
A neurofisioloxía retomarase ás 18:15 horas con charlas sobre a hormona do crecemento e a súa relación coa recuperación da parálise de cordas vocais ou unha investigación sobre o cerebro de lamprea adulta. A clausura será ás 19:15 horas co coloquio ‘Perspectivas sobre a carreira investigadora en neurociencia, onde estamos e cara onde imos?’.
A xornada celébrase anualmente variando o lugar entre as tres Universidades galegas porque a maior parte dos participantes pertencen ao Programa Oficial de Posgrao en Neurociencias, a través do que se obtén o título de Doutor e Master.