Skip to main content

Xurxo Vivero e Eduardo Ochoa presentarán ao público lucense o programa de sendeirismo 'Pegadas'

Será na Sala Sargadelos este mércores dentro do Convenio Lugo Cultural

Lugo Cultural presentará este mércores 5 ao público lucense o seu programa de sendeirismo ‘Pegadas’, que se desenvolverá durante todo o ano e que consta de catro percorridos pola zona do Miño para coñecer a fauna e flora da zona, así como a súa beleza paisaxística gozando dunha xornada de exercicio.
A presentación do evento terá lugar ás 20:00 horas na Galería Sargadelos co título xenérico de ‘As catro estacións da natureza’. O ciclo consistirá en catro rutas á beira do Miño que se realizarán en distintas épocas do ano, empezando este sábado, día 8, para continuar o 6 de abril, 21 de setembro e 19 de outubro. Estes paseos estarán dirixidos por Xurxo Vivero, que realizará unha descrición da fauna e da flora da zona mentres Eduardo Ochoa indicará os lugares máis apropiados para a fotografía. Serán os dous os responsables de presentar esta actividade o mércores, que está aberta a toda a poboación.
Estas rutas rematarán cunha fin de semana no Courel, os días 28, 29 e 30 de novembro. Nesta última cita combinarase o sendeirismo, a observación da flora, a tradición e a literatura.
A saída das rutas será do mirador do parque Rosalía de Castro ás 10:00 horas de cada domingo, agás a primeira, que coincide en sábado e que comezará ás 16:00 horas. Cun total de 30 prazas por ruta, cada unha delas terá un custo de 4 euros, cun prezo total para os que asistan a todas de 13. Na ruta do Courel terán preferencia aqueles que realizaran todas as rutas e o prezo será de 45 euros.
A inscrición para estas rutas poderá realizarse na Oficina de Cultura do Campus de Lugo, situada na praza Pío XII, número 3, de Lugo. O prazo pecharase uns días antes da súa celebración. O día 6 será o último para apuntarse na primeira ruta.

The contents of this page were updated on 03.04.2008.