O programa Xeración Twingo de Renault, chega á USC cun curso de condución eficiente dirixido aos universitarios

O vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, xunto co xefe provincial de Tráfico da Coruña, Pedro Pastor del Castillo; o xerente da concesión Renault Caeiro, José Carlos Freije; e o coordinador de Xeración Twingo, Javier Márquez, presentaron este martes no Campus Sur da USC un novo programa de concienciación que ten como obxectivo principal ensinar aos universitarios a importancia de respectar o medio ambiente, sobre todo, a través dunha condución responsable e eficiente.
Con esta iniciativa, o Programa Universitario Renault de Medio Ambiente e Seguridade Vial achega as boas prácticas na condución ao sector da xente nova baixo a premisa da seguridade. Así, baixo a denominación Xeración Twingo, a campaña pode visitarse en Santiago de Compostela dentro do percorrido previsto por 14 cidades españolas.
As instalacións de Xeración Twingo inclúen unha zona estática, onde se desenvolverá unha xornada teórica sobre as principais características dunha condución eficiente e respectuosa co medio ambiente, e un zona dinámica na que os participantes percorrerán un circuíto onde demostrarán os coñecementos adquiridos acompañados dun monitos especializado.
Xeración Twingo é unha iniciativa de Renault, a Fundación Eccus e a Dirección Xeral de Tráfico coa colaboración do Instituto de Desenvolvemento para a Diversificación e Aforro de Enerxía.