Skip to main content

As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela ocuparán o Colexio de Fonseca

A exposición Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós. As mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela inaugúrase este xoves 28

A Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago inaugurará este xoves, día 28, ás 19:30 horas no Colexio de Fonseca, a exposición Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós. As mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela, produción da Fundación 10 de Marzo en colaboración coas tres universidades galegas, as consellarías de Educación e Cultura e a obra Social de Caixa Galicia. No acto está prevista a participación do vicerreitor de Cultura, Elias Torres; o comisario da mostra, Ricardo Gurriarán; e o director da Área de Historia da Fundación 10 de Marzo, Víctor Santidrián.
A mostra susténtase nun intenso labor de documentación que levou a cabo Ricardo Gurriarán, o seu comisario, que tirou información de numerosos arquivos ademais das duascentas horas de gravación que realizou aos protagonistas da época.
Partindo da explicación do que eran en 1968 a cidade de Santiago e a USC, chégase na montaxe a unha pormenorizada explicación dos sucesos estudantís do curso 1967/1968 na universidade galega, xurdidos dun intenso activismo que cuestionaba ás autoridades académicas e, por extensión, á ditadura franquista.
Así, o material exposto ofrece unha análise dos elementos que alicerzaron as mobilizacións estudiantís posteriores, con especial énfase na dicotomía entre a cultura oficial e a cultura alternativa promovida polos estudantes ou por institucións alleas á universidade; a incipiente presenza das clandestinas forzas antifranquistas, ou os acontecementos ocorridos noutros lugares a prol da democratización das estruturas universitarias.
O conxunto expositivo pon de manifesto a solidariedade da sociedade galega e leva ao visitante ata o nacemento de Voces Ceibes, ás asembleas universitarias, ao peche da Facultade de Filosofía e Letras, á represión sobre os líderes estudantís ou a actitude do profesorado, entre outros aspectos. A exposición recolle todo tipo de documentación recuperada no proceso de investigación, como carteis, fotografías, boletíns universitarios, prensa legal e clandestina, fichas policiais ou informes gubernativos, entre outros.
Ademais, co obxecto de achegar máis ao visitante a esta época reprodúcese un cuarto de estudantes no que o visitante poderá atoparse con obxectos típicos da época, como prensa, con exemplares de Signo, Triunfo, ou Cuadernos para el Diálogo; carteis; discos; roupa ou aparellos da vida cotiá daqueles tempos.
De xeito paralelo á mostra, que se poderá visitar ata o 27 de marzo, organizaranse outros actos como sesións de cineclub, unha mesa redonda con protagonistas dos acontecementos e presentacións de libros. Xa en decembro celebrarase un concerto conmemorativo do nacemento de Voces Ceibes, que tivo a súa primeira aparición pública hai corenta anos.

The contents of this page were updated on 02.27.2008.