Expertos de prestixio internacional participan en Santiago no 'XI Encontro Peptídico Ibérico'
Científicos de diferentes países, fundamentalmente España e Portugal, participan na Facultade de Química o xoves 6 e venres 7 no ‘XI Encontro Peptídico Ibérico’. Como novidade, esta edición contará con dúas conferencias plenarias pronunciadas pola prestixiosa experta do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, a profesora Barbara Imperiali, e o coñecido docente do Instituto xermano Max Planck de Dortmund, Herbert Waldman.
Ademais destes relatorios, o congreso acollerá a presentación de máis de corenta comunicacións orais nas que investigadores de todo o mundo darán a coñecer as últimas achegas no eido dos péptidos.
O encontro, ao que asisten máis de 130 persoas, organízao o catedrático da Universidade de Santiago, José Luis Mascareñas, xunto co investigador do Departamento de Química Orgánica da USC, Eugenio Vázquez, e está patrocinado polo Ministerio de Educación e Ciencia, a Sociedade Europea de Péptidos e a Rede de Ciencias e Materiais Moleculares da Xunta de Galicia.
Os péptidos son compoñentes fundamentais das proteínas, máquinas moleculares que exercen un papel clave no funcionamento das células e, polo tanto, do organismo. As investigacións neste eido, que implican traballos en diferentes disciplinas dende a Química ata a Bioloxía Molecular e Medicina, poden ter unha enorme repercusión para o entendemento de enfermidades como o Alzheimer, Párkinson ou cancro, así como para o desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas.