Skip to main content

A USC e Johnson & Johnson crean unha Cátedra de Saúde Oral

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o director OTC de Johnson & Johnson, Josep Infesta, asinaron este martes, día 26, o convenio polo que se crea na USC a Cátedra Johnson and Johnson de promoción da saúde oral. No acto de sinatura estiveron presentes ademais o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Josá Mª Fraga; o director da Cátedra Pedro Diz; e Nati Godayol, responsable de visitas de Educación de J&J.
Logo da sinatura, Senén Barro destacou que a recente creada cátedra é a primeira financiada das súas características adscrita a unha titulación de Medicina e Odontoloxía en todo o territorio español. Barro dixo ademais que cada unha das cátedras creadas por este sistema na USC son unha demostración clara da confianza e crédito que as empresas colaboradoras depositan na institución docente compostelá.
Pola súa banda, Josep Infesta subliñou a importancia de apoiar a relación entre o mundo da empresa e a Universidade e máis concretamente a través da I+D porque “cremos na investigación, xa que é un dos motores da nosa compañía”. Infesta, que tamén se referiu aos diversos ámbitos de traballo de J&J, formulou o seu desexo de que a sinatura celebrada sexa o inicio dun longo camiño.
A Cátedra, que dirixirá o profesor Pedro Diz Dios, nace non só co obxectivo de fomentar a docencia e a investigación senón tamén con carácter asistencial, para tentar responder tanto á demandas sociais específicas como a pacientes con discapacidades e medicamente comprometidos.
De xeito máis concreto, esta Cátedra centrarase na mellora da docencia tanto de grao como de posgrao, favorecendo a incorporación de novos temas relacionados coa hixiene e os antisépticos orais, entre outros, ademais de participar en actividades de difusión, cursos e conferencias dirixidos a estudantes, profesionais, doentes e outros colectivos relacionados con este campo.
A investigación será un dos piares da actividade da Cátedra, propiciando o traballo ao redor de novos conceptos de avaliación, exploración e difusión de resultados en foros nacionais e internacionais. Ademais de ofrecer unha maior transparencia sobre as últimas novidades neste espazo de coñecemento, traballarase na mellora de programas de divulgación sobre hixiene oral e emprego de antisépticos.
Completando este abano, a Cátedra se formula entre as súas finalidades a elaboración dun manual de técnicas de hixiene oral para discapacitados físicos, psíquicos e sensoriais, no que se incorporen achegas da literatura especializada, as experiencias dos investigadores e docentes e os resultados das investigacións.

The contents of this page were updated on 02.26.2008.