Skip to main content

O Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica entrégase este xoves a Ana María Porteiro

O galardón está dotado con 6.000 euros e a edición da obra polo Servizo de Publicacións da USC

Ana María Porteiro Chouciño recibirá este xoves 13 o premio correspondente á novena edición do Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica polo seu traballo ‘Del monte sale quien en el monte quema’, de Lope de Vega. Estudio y edición crítica’. O acto de entrega celebrarase ás 12:00 horas no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo coa presenza, ademais da autora, do vicerreitor de Cultura da USC, Elías J. Torres Feijoo, do alcalde do Concello de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia e do delegado na Mariña de La Voz de Galicia, Miguel Sande. O galardón inclúe un premio en metálico de 6.000 euros e a edición da obra.
Na concesión do premio, o xurado valorou a elección dun texto pouco coñecido de Lope de Vega, cun corpo fundamental de case 3.000 versos e do que se conserva un manuscrito do autor con anotacións anónimas e outras testemuñas escritas de copias de comediantes da época.
Premio Dámaso AlonsoO Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica, organizado pola Universidade de Santiago xunto co Concello de Ribadeo e o Grupo Voz, tenta dar a coñecer a mellor das obras de filoloxía realizadas por investigadores novos sobre os eidos que cultivou Dámaso Alonso.
A convocatoria deste galardón diríxese a filólogos que non cumprisen os 30 anos na data límite para a recepción dos orixinais, que deben versar sobre cuestións relacionadas con estudos lingüísticos peninsulares, estudos e ensaios histórico-críticos sobre as literaturas románicas peninsulares de todas as épocas, edicións e comentarios de textos literarios hispánicos, estilística e teoría da literatura ou historia da crítica literaria.

The contents of this page were updated on 03.12.2008.