Skip to main content

Vintedúas persoas participan este ano na XIV edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo

O Campus de Lugo acolle este mércores 12 a edición número XIV do Maratón Fotográfico do Campus e no que participarán 22 persoas, case o dobre que o ano pasado. Trátase dunha das actividades máis consolidadas do Convenio Lugo Cultural, no que colaboran ademais da USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia.
Os participantes sairán ás 11:00 horas da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, situada na praza Pío XII, onde se lles entregará unha película, se lles comunicarán os temas e as instruccións a seguir. O maratón rematará ás 11:00 horas do día seguinte.
Unha vez entregadas as películas e positivadas nunha folla de contacto, o día 2 de abril os participantes deberán pasar pola Oficina de Cultura para escoller a imaxe que se presentará ao concurso.
Este ano, por primeira vez, o maratón está aberto a toda a cidadanía en xeral, sempre que sexan maiores de 18 anos. Poderán participar tanto con cámara dixital como analóxica e se establecen varios premios, entre os que figura o Premio Carlos Valcárcel, para a mellor fotografía feita por universitarios ou participantes no espazo fotográfico do Campus. Este premio xurde este ano como un homenaxe a un dos mellores fotógrafos lugueses e está dotado con 200 euros. Así mesmo, haberá premio de 100 euros para a mellor fotografía de cada tema, outros 100 euros para a mellor fotografía de tema libre e de 175 euros para a película de nivel medio máis alto.
Pode consultarse información sobre o mesmo na páxina web de Lugo Cultural, www.lugocultural.es.

The contents of this page were updated on 03.11.2008.