Gregorio Peces Barba inaugurou os debates dos XXIII Encontros de Educación para a Paz

Os XXIII Encontros de Educación para a Paz comezaron o seu programa de actividades este xoves na Escola Galega de Administración Pública onde o debate arredor da relación entre ‘Educación, democracia e laicidade’, lema das xornadas, se estende ata o sábado 8.
O catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade Carlos III de Madrid, Gregorio Peces Barba, foi o encargado de pronunciar a conferencia inaugural dos encontros, titulada ‘Laicidade e laicismo’, a quen lle seguiu o filósofo do Instituto de Estudos Políticos de París, Henri Peña Ruiz, que tratou ‘A tradición laica da Francia republicana’.
Na xornada do venres 7 participa o director da Cátedra de Teoloxía e Ciencias das Relixións na Universidade Carlos III de Madrid, Juan José Tamayo, para falar sobre ‘Fundamentalismos e diálogo entre relixións’. A xornada complétase coa celebración da mesa redonda sobre veos e outros símbolos relixiosos nas escolas. Nela interveñen o ex-presidente da CEAPA e vicepresidente de Europa Laica, Francisco Delgado, e Calo Iglesias, autor do libro Historia das relixións.
A xornada de clausura, o sábado 8, comeza ás 10:00 horas e inclúe a celebración de diversos obradoiros simultáneos así como a presentación de experiencias prácticas, entre as que se atopan Galicia Acolle, o Foro Galego de Inmigración, Xogos Cooperativos, Europa Laica. A sesión rematará coa proxección e posterior debate ao redor do documental ‘Cultura de paz’.
‘Patriarcado, xénero e cidadanía democrática’ é o título da mesa redonda que comezará a partir das 17:00 horas coa participación de teólogo e feminista, Margarita Pintos de Cea Naharro; da comentarista de La Voz de Galicia, Yasmina Shawki; e da avogada e membro do Seminario Galego de Educación para a Paz, Cristina Vicente.
O profesor de Filosofía da Relixión da USC Andrés Torres Queiruga será o encargado de pechar a quenda de intervencións coa conferencia titulada ‘Laicidade, liberdade relixiosa, e escola pública’. O acto de clausura celebrarase a continuación e inclúe a actuación musical de ‘No Title’ e a representación teatral da obra ‘A obra e o xeneral’, de Calo Iglesias, a cargo de alumnado do IES Xelmírez II de Santiago.