Skip to main content

Unhas xornadas da USC analizan a situación actual da violencia contra a mulleres en Galicia

As sesións académicas desenvólvense o xoves 27 e venres 28 na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur

Para analizar a situación actual da violencia contra as mulleres en Galicia dende as súas múltiples formas, o Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da Universidade de Santiago organiza as III Xornadas de Formación, Educación, Xénero e Igualdade. O encontro dará comezo o xoves 27 ás 16:30 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur coa conferencia ‘Tráfico de mulleres e prostitución’ da presidenta de Alecrín, Ana Míguez.
Antes deste relatorio celebrarase, ás 16:00 horas, a inauguración oficial á que asisten o reitor da USC, Senén Barro; a secretaria xeral de Igualdade da Vicepresidencia, Carme Adán; a concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Santiago, Mar Martín; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; a directora do CIFEX, Rita Radl e a coordinadora das xornadas, Ana María Porto.
Xa ás 19:00 horas haberá un coloquio para debater as diversas formas de violencia en función do xénero na actualidade. Coordinado pola profesora da USC Cristina Abeal, na reunión participarán representantes das asociacións Vagalume, Homes Pola Igualdade e Mulleres Liberanza.
Ao día seguinte, as xornadas seguirán ás 9:00 horas coa conferencia da directora do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luisa Bouza, sobre prevención e tratamento integral da violencia contra as mulleres en Galicia. A cuestión a tratar ás 12:00 horas serán os aspectos didácticos e metodolóxicos específicos en relación coa violencia contra as mulleres da man da psicóloga, Pilar González.
Na sesión vespertina, a profesora da Universidade Complutense de Madrid, Gema Martín, continuará ás 16:00 horas coa prevención da violencia contra as mulleres dende a educación. Logo, ás 18:30 horas, a Facultade acollerá un seminario sobre actuacións e políticas específicas de igualdade.
V Xornadas de Estudos e de Formación en XéneroEnlazadas coas sesións académicas anteriores, a Facultade de Ciencias de Educación do Campus Sur será sede os días 3 e 4 de abril das V Xornadas de Estudos e de Formación en Xénero destinadas á abordar a situación actual das graduadas universitarias e a súa realidade sociolaboral e educativa.
Os aspectos a tratar serán, entre outros, as diferenzas en función de xénero na inserción laboral, o emprendemento como alternativa, ou a cuestión de xénero da Educación Superior.
Os dous encontros teñen como obxectivo abrir un espazo de debate e reflexión en torno á situación actual da violencia contra as mulleres nas súas múltiples facetas. Nas xornadas tamén explicarán as medidas específicas para o tratamento integral da violencia contra as mulleres e en materia de igualdade para a inserción laboral das graduadas universitarias.

The contents of this page were updated on 03.26.2008.