Skip to main content

Encontros matemusicais, tema dunha conferencia na USC

O profesor da Facultade de Ciencias da Universidade de Cádiz Jesús Beato Sirvent participará este luns, día 31, no ciclo Unha Andaina pola Matemática cunha conferencia na que explicará os encontros matemusicais, ou a estreita relación entre as matemáticas e a música. A charla terá lugar ás 17:00 horas na Aula Magna do centro organizador.
Como explicará na conferencia, dende Pitágoras ata a utilización actual de programas informáticos de significativos nomes como MusiNum (The Music in the Numbers) para a xeración de música fractal pasouse por varios momentos. Entre eles, a construción matemática de distintos tipos de escalas musicais, a consideración da música como disciplina matemática, o uso de conceptos e estruturas matemáticas na composición musical ou a adopción dunha notación esencialmente matemática na escritura musical.
O traballo do que falará Beato Sirvent trata de pór de manifesto algunha destas relacións para estudar a súa natureza e tentar explicar se a música é unha forma de matemática aplicada, se a música usa a matemática e se son disciplinas diferentes con puntos de encontro ou existe algunha relación conxuntista entre elas.

The contents of this page were updated on 03.28.2008.