Skip to main content

O Claustro de Fonseca acolle en Semana Santa a exposición 'Camelia de Galicia'

Coincidindo coas datas das vacacións de Semana Santa, o claustro do Colexio de Fonseca acollerá os días 21 e 22 de marzo a exposición ‘Camelia de Galicia’, unha mostra da enorme variedade de flores de camelia existente no país, procedentes dos xardíns de máis de 20 coleccionistas galegos.
A exposición presentouse hoxe no Colexio de Fonseca nun acto no que participaron o reitor da USC, Senén Barro; o director-xerente de Turgalicia, Xesús Pereira; o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; e a presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero.
Organizada pola Consellaría de Innovación e Industria, a través de Turgalicia, e en colaboración coa Sociedad Española de la Camelia e a Universidade de Santiago, a mostra ten por obxectivo fomentar e potenciar a imaxe turística de Galicia a través da exaltación desta planta característica dos xardíns de inverno galegos.
Na presentación, o reitor compostelán anunciou que precisamente a camelia será unha das temáticas centrais do Xardín Botánico da Universidade de Santiago de Compostela, “que verá os seus comezos o vindeiro mes”. A parcela, que ademais de orientarse á investigación e á docencia servirá tamén como lugar de lecer para os cidadáns de Santiago, comprende na súa primeira fase a área comprendida entre o río Sarela e as estradas de Vidán e San Lorenzo.
Os xardíns galegosAdemais de mostrar algunhas das centos de variedades de camelia que existen en Galicia, a exposición aproveitará a afluencia de visitantes a Santiago co gallo das datas de Semana Santa para dar a coñecer, ademais, o novo produto turístico denominado “Ruta dos Xardíns de Inverno”, un conxunto de xardíns públicos e privados que poden ser visitados e que presentan o seu mellor aspecto no momento de floración das súas camelias, durante os meses de novembro a marzo.
Difíciles de obter pola súa procedencia do Lonxano Oriente, nun primeiro momento foron plantas de xardíns de pazos e casas señoriais da nobreza galega, e nos últimos 50 anos pasaron a formar parte dos xardíns e fincas tanto públicos como privados de toda Galiza.
Turgalicia organizou o pasado ano unha exposición semellante a esta, tamén no mes de marzo, que contou coa asistencia de preto de 50.000 madrileños.

The contents of this page were updated on 03.17.2008.