Científicos de todo o mundo mostran na USC as últimas achegas sobre a fauna do océano Atlántico
A Estación de Bioloxía Mariña da Graña da USC xunto co Centro Alemán de Investigación de Biodiversidade Mariña organizan o segundo seminario internacional DIVA no centro universitario ferrolá do 26 ao 28 de marzo. No encontro, expertos de Alemania, España, Grecia, Brasil, Canadá e Austria presentarán os últimos resultados das súas expedicións realizadas no marco do proxecto alemán DIVA: ‘Gradientes latitudinais da diversidade biolóxica nas augas profundas do Océano Atlántico’.
Con 27 expertos, o congreso inaugúrao este mércores 26, ás 9:30 horas, o director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, Victoriano Urgorri. O evento desenvolverase cun programa científico polas mañás e lúdico-cultural polas tardes visitando Ferrol, A Coruña e Santiago.
O conxunto dos relatorios mostrarán o traballo investigador de 41 científicos de todo o mundo sobre estudos taxonómicos, ecolóxicos, bioxeográficos e moleculares relacionados coa fauna profunda de diversos grupos zoolóxicos. A vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, María José Alonso, presidirá o acto de clausura do encontro que será o venres 28 ás 17:00 horas no Salón de Grados do Colexio de San Xerome.
Proxecto DIVAEnmarcado na contribución europea ao Ano Internacional da Observación da Biodiversidade (IBOY), o proxecto DIVA deseñouse para a cooperación dun amplo número de institucións científicas dedicadas ao estudo da biodiversidade da fauna profunda nunha rexión determinada e coa mesma metodoloxía. En concreto, a iniciativa traballa dende o Ártico ata o Antártico e, así, estuda todas as grandes cordilleiras e dorsais oceánicas.
Con estas investigacións analízanse catro cuestións principais que son a homoxeneidade das comunidades nos amplos fondos profundos, a rexionalización da fauna, a diversidade específica en fondos profundos e a especialización ou adaptación das especies ás condicións ambientais.
ExpediciónsNos anos 2000 e 2005 realizáronse as primeiras expedicións deste proxecto alemán. A DIVA-1, do verano de 2000 na conca abisal de Angola, foi a expedición pioneira do Censo da Diversidade de Vida Mariña Abisal (CeDAMar). Cinco anos máis tarde, a DIVA-2 comezou na Cidade do Cabo visitando de novo Angola e, finalmente, a conca abisal de Guinea no ecuador.
Un equipo internacional de científicos especialistas en fondos profundos tomou mostras entre 5.100 e 5.450 metros de profundidade a bordo do buque alemán de investigación oceanográfica ‘Meteor’, entre outros muestreos.