Skip to main content

Oito grupos participan este ano no XIV Festival Internacional de Teatro Universitario que se desenvolverá dende o domingo en Lugo

Os representantes das cinco institucións que forman parte do Convenio Lugo Cultural presentaron o evento, que dará comezo o día 30
Os representantes das cinco institucións que forman parte do Convenio Lugo Cultural presentaron o evento, que dará comezo o día 30
Á programación de abril de Lugo Cultural súmanse as charlas de mulleres defensoras de dereitos humanos, o concerto de Narf e o encontro de danza

A cidade de Lugo acollerá novamente o Festival Internacional de Teatro Universitario, que este ano chega xa á súa XIV edición e que arrincará o próximo domingo día 30 coa participación de oito grupos. Así o anunciaron este martes os representantes das entidades que conforman o Convenio Lugo Cultural, organizador do evento, da man do vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o voceiro do Concello de Lugo, José Rábade Arias; o delegado provincial da Consellaría de Cultura, Xoán Xosé Molina; o responsable de Cultura da Deputación Provincial, Antón Veiga, e o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.
O festival consistirá en oito representacións de carácter social, unha por día, ata o 7 de abril, con descanso o xoves 3. Será a Compañía da USC do Campus de Lugo a que abrirá as representacións, o domingo ás 22:00 horas, coa posta en escena da obra ‘O Público’, de Federico García Lorca, no Auditorio Gustavo Freire. Pola súa banda a súa homónima de Santiago será a encargada de pechar o ciclo o día 7 coa obra ‘As raíñas’, de Werner Schwab’, ás 20:30 horas, tamén no Auditorio.
Entre estas dúas citas figuran as representacións correlativas de ‘Peter Sant Lluc, do grupo de teatro da Universitat de Valencia; ‘84’, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense; ‘Pizcas’, de Teatro Dallas (EE.UU.); ‘Lesao cerebral’, da Escola de Arte Dramática da Universidade de Sao Paulo (Brasil); ‘No es tan fácil’, dos universitarios de Huelva, e ‘Las relaciones de Clara, da Aula de Teatro da Universidad Pablo de Olavide (Sevilla). Todas as representacións serán de entrada gratuíta e terán lugar no Audiorio Gustavo Freire agás ‘Pizcas’, que será no Círculo das Artes.
O vicerreitor destacou a relevancia que ten esta cita cultural, na que ano a ano participan grupos de distintas partes do mundo e que xa está “completamente asentada na programación universitaria, apoiada por Lugo Cultural”.
Programación de abrilOs representantes de Lugo Cultural avanzaron tamén a programación preparada para o mes de abril entre a que figura a sexta edición do Encontro Universitario de Danza Contemporánea, que será presentado o día 10 e que se desenvolverá a mediados de mes coa presenza da coreografía ‘O falar calado’, do Espazo de Danza Universitario, dirixido por Juan Carlos Zahera.
Así mesmo, a exposición ‘Retrato dun escándalo universal de dereitos humanos. A discriminación e a violencia contra as mulleres’, organizada en colaboración con Amnistía Internacional será trasladada durante o mes de abril á Facultade de Administración e Dirección de Empresas, dende a Biblioteca onde está dende primeiros de marzo. Como actividade complementaria a esta mostra, darán comezo o venres 28 os encontros con mulleres defensoras dos dereitos humanos.
O primeiro será con Leonora Castaño Cano, presidenta de ANMUCIC (Asociación Nacional de Mujeres Campesinas, Indígenas y Negras de Colombia) e terá lugar na propia Biblioteca, o venres ás 20:00 horas. O martes 22 de abril será a vez de Valdenia Aparecida Paulino, avogada defensora de dereitos humanos en Brasil. Este encontro terá lugar no Salón de Actos da Escola Universitaria de Formación do Profesorado ás 20:00 horas.
Dentro do programa de abril de Lugo Cultural destaca tamén o concerto de Narf, que terá lugar o día 24 de abril, ás 21:00 horas, no Auditorio da Facultade de Veterinaria, dentro do ciclo Lubicán, que realiza un concerto cada cuarto xoves de mes para amosar ao público o traballo musical realizado en Galicia.
Por outra banda, ábrese o prazo de inscrición para a segunda ruta cultural do ciclo Pegadas, que se desenvolverá o 11 de maio pola beira do Río Miño.

The contents of this page were updated on 03.25.2008.