Skip to main content

As universidades de Santiago e A Coruña e a Consellaría de Sanidade impulsan dous Institutos de Investigación Sanitaria

Os reitores das universidades de Santiago e A Coruña Senén Barro e José Mª Barja, respectivamente, e a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, asinaron este luns 11 cadanseu convenio para a creación de dous Institutos de Investigación Sanitaria.
Estes dous novos Institutos de Investigación Sanitaria teñen como obxectivo integrar a investigación sanitaria, optimizar recursos e trasladar con maior axilidade os resultados das investigacións á práctica clínica. Os novos centros permiten, por unha banda, a integración harmónica da investigación básica, clínica e de saúde pública, e a súa transferencia e aplicabilidade na práctica médica. Por outra banda, potencian a figura dos centros sanitarios como centros de investigación nos que se identifican lagoas de coñecemento, xéranse proxectos para respondelas, lévase adiante a investigación e prodúcese a transferencia do coñecemento acadado á prevención, diagnóstico e tratamento.
A partir desta sinatura que permite a constitución destes institutos iníciase o proceso polo que serán definitivamente acreditados, en aproximadamente oito meses, por parte do Instituto de Saúde Carlos III. Esta acreditación permitirá que sexan centros asociados ao propio Carlos III, organismo dependente do Ministerio de Sanidade dedicado á investigación e apoio científico en biomedicina e ciencias da Saúde.
Instituto da SantiagoO Insituto de Investigación Sanitaria de Santiago créase en torno ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e recolle unha ampla actividade investigadora dos profesionais sanitarios e universitarios e agrupa a mais de 250 investigadores.
Como liñas de investigación preferentes traballará problemas de saúde como enfermidades neurolóxicas; cancro; enfermidades músculo-esqueléticas e do aparato locomotor; enfermidades endócrinas, nutricionais e metabólicas; enfermidades cardiovasculares e infecciosas. Outra das súas liñas de investigación son áreas transversais, entre as que se atopan temas como inflamación; xenética e bioloxía de sistemas; epidemioloxía, Saúde Pública e Servizos de Saúde; Atención Primaria; e Farmacoloxía.
Actualmente, no Complexo Hospitalario de Santiago traballan cinco investigadores sénior integrados no sistema sanitario pólo Programa de estabilización de investigadores do Plan Nacional de I+D 2008-2011. As súas liñas de investigación oriéntanse á reumatoloxía, metabolismo e nutrición e cardioloxía respectivamente.
Pola súa banda, o da Coruña constitúese en torno ao Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo, xunto coa Universidade de Coruña e os demais dispositivos asistenciais da área de referencia do complexo hospitalario, e agrupa a mais de 200 investigadores.

The contents of this page were updated on 02.11.2008.