Skip to main content

A Licenciatura en Odontoloxía conmemora este ano o 25 aniversario da súa creación

O programa de actividades presentouse este mércores no Colexio de Fonseca

A Licenciatura de Odontoloxía da USC cumpre este ano o vinte e cinco aniversario da súa posta en marcha, logo da creación no curso 1983-1984 da Escola de Estomatoloxía, cunha ampla programación de actividades que presentaron este mércores 6 en rolda de prensa os promotores da iniciativa.
Na presentación interviñeron o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, José Mª Fraga Bermúdez; a vicedecana María Jesús Mora Bermúdez; e o profesor e integrante da Comisión Organizadora, José María Suárez Quintanilla.
A conmemoración dará comezo oficialmente o próximo venres, día 8, coa colocación dunha placa conmemorativa no Recanto da Saudade do Campus Sur, e prolongarase ao longo de todo o presente ano cunha programación de actos na que se inclúen, entre outras iniciativas, unha exposición conmemorativa, un libro oficial da efeméride, unha xuntanza de todas as promocións de alumnos, diversas reunións científicas ou certames de fotografía, narrativa e ao mellor traballo publicado.
O programa de actividades inclúe para o presente mes de febreiro a festividade, o vindeiro sábado 9, da patroa da titulación Santa Apolonia, xornada na que se inaugurará unha exposición conmemorativa e presentarase o libro oficial do 25 Aniversario. A esta xornada está previsto que asistan integrantes de todas as promocións de Odontoloxía e Estomatoloxía entre 1983 e 2008.
Á seguinte semana, o luns 11 o xurado do Premio do Cartel conmemorativo do aniversario emitirá o seu ditame ao tempo que se abrirán as convocatorias correspondentes aos certames de Fotografía e Narrativa e do concurso ao Mellor Traballo Publicado. Os gañadores de ambos os dous certames coñeceranse o día 18 de abril.
Xa no mes de xuño, a conmemoración continuará coa celebración o día 27 dunha reunión científica multidisciplinar e o ditame do Premio Científico do 25 Aniversario. Ao día seguinte, o 28 de xuño, celebraranse a xuntanza da conferencia de decanos de Odontoloxía, de presidentes de Sociedades Científicas afíns a esta área e unha xuntanza sobre o Espazo Europeo de Educación Superior. Os actos rematarán o 25 de outubro coa celebración dunha nova xuntanza científica multidisciplinar e a entrega dos Premios 25 Aniversario.
A Licenciatura en OdontoloxíaOs estudos en Odontoloxía da USC comezaron no curso 1983-1984 coa posta en funcionamento da Escola de Estomatoloxía, da que foi o seu primeiro director o profesor José Mª Suárez Núñez. Nese primeiro curso, o número de estudantes matriculados ascendía a 9, cifra que se duplicaría ao seguinte con 20 alumnos. Pola súa banda, a creación da actual Facultade de Medicina e Odontoloxía data do ano 1988 saíndo a primeira promoción das súas aulas no ano 1991.
Xunto cos estudos correspondentes á Licenciatura, na Facultade impártense tres másters e outros tantos cursos de especialización. Ademais, neste primeiro cuarto de século de vida, o número de licenciados que obtiveron algún Premio Nacional ascende a 52.

The contents of this page were updated on 02.06.2008.