Skip to main content

A Universidade de Santiago colabora no deseño de sistemas que garantan a calidade da formación universitaria

O programa AUDIT impúlsano as axencias da calidade dos sistemas universitarios de España, País Vasco e Galicia

A USC xunto con outras sesenta e unha universidades españolas colabora no programa AUDIT que ten como obxectivo principal facilitar a creación en 134 facultades e escolas universitarias de Sistemas de Garantía Interna de Calidade da formación. A iniciativa xestiónaa a Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA), a Agéncia per a la Qualitat del Sistema Universitari de Catalunya e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.
O programa ofrece unha guía para o deseño de Sistemas de Garantía Interna de Calidade que orienta ás institucións universitarias de toda España no control da eficacia de todas as actividades docentes xa implantadas. As orientacións deste documento responden á necesidade de que se doten de ferramentas axeitadas para analizar os resultados da formación universitaria, elaboren de modo adecuado unha oferta educativa, revisen o seu desenvolvemento e introduzan os cambios necesarios.
Na elaboración de AUDIT tivéronse en conta as directrices europeas e do Ministerio de Educación e Ciencia, así como os sistemas de garantía de calidade presentes actualmente nas universidades españolas e as experiencias europeas neste eido.
O proxecto describe, paso a paso, as etapas nas que realizará o deseño dos Sistemas de Garantía Interna da Calidade da formación universitaria. Así, cada universidade terá que realizar unha primeira fase de compromiso co desenvolvemento da cultura da calidade. Despois, planificaranse as estruturas de apoio e, en terceiro lugar, diagnosticarase a situación actual. A última etapa do proceso consistirá na definición e documentación do sistema.
Universidades na creación do programaNo programa AUDIT participaron un total de corenta e tres universidades públicas e dezanove privadas. En Galicia, ademais da USC, colaboraron ás de Vigo e A Coruña máis a Nacional de Educación a Distancia.
Por comunidades autónomas, outras institucións partícipes de Andalucía foron as Universidades de Almería, Cádiz, Córdoba, Huelva, Jaén, Málaga, Sevilla e Pablo de Olavide; das Illas Canarias, a La Laguna e Las Palmas de Gran Canaria; e de Murcia, a Católica de San Antonio, Murcia, e a Politécnica de Cartagena.
De Madrid, colaboraron a Universidade Autónoma de Madrid, de Alcalá, Francisco de Vitoria, Politécnica de Madrid, Rey Juan Carlos, San Pablo-CEU, Alfonso X El Sabio, Camilo José Cela, Carlos III e a Europea de Madrid; de Aragón, a de San Jorge e Zaragoza, de Castela-León, a Católica de Ávila, Burgos, León, Salamanca e Valladolid xunto coa Universidade de Castela La Mancha.
Por outra banda, xogaron un papel importante, as universidades de Extremadura, La Rioja, Oviedo, Navarra, Les Illes Balears e ás procedentes do País Vasco Deustuko Unibertsitatea, Euskal Herriko Unibertsitatea, e Mondragón Unibertsitatea.
Finalmente, contribuíron á iniciativa, as Universidades catalanas Abat Oliba, Autonoma de Barcelona, Barcelona, Girona, Internacional de Catalunya, Lleida, Oberta de Catalunya, Politècnica de Catalunya, Pompeu Fabra, Ramon Llull, Rovira i Virgili e Vic; así como da Comunidade Valenciana as institucións docentes Cardenal Herrera-CEU, Católica de Valencia San Vicente Mártir, Miguel Hernández de Elche, d’Alacant, Jaume I, Politècnica de València, València.

The contents of this page were updated on 02.15.2008.