Skip to main content

O reitor da USC entrega o Premio Dieta Atlántica ao cociñeiro Eneco Atxa

Será no marco do Forum Gastronómico Santiago 08 que este mércores se clausura no Palacio de Congresos e Exposicións

O reitor da USC, Senén Barro, entrega este mércores 20 o Premio Dieta Atlántica 08 outorgado pola Fundación homónima da institución docente compostelá no transcurso do Forum Gastronómico Santiago 08 que se clausura no Palacio de Congresos e Exposicións. A entrega celebrarase nun acto que dará comezo ás 18:30 horas no Auditorio Compostela do Palacio.
O premio correspondeulle ao cociñeiro Eneco Atxa pola súa receita ‘Pulpo mojado’, dado que os ingredientes utilizados correspóndense con produtos tradicionais da dieta atlántica, cunha gran calidade nutricional polo seu aporte de vitaminas, minerais, omega-3 e presenza de compoñentes funcionais bioactivos. Ademais, na valoración deste prato tívose en conta a combinación, en opinión do xurado “maxistral”, dos elementos tradicionais coas achegas novidosas propias da cociña de autor.
Con anterioridade á entrega, celebrarase unha mesa redonda que contará coa participación do catedrático de Endocrinoloxía da Complutense de Madrid, Aniceto Charro; do catedrático de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Barcelona, Abel Mariné; e do endocrinólogo do Hospital Universitario de Canarias, José López Alba. Esta sesión xirará ao redor do valor nutricional da gastronomía e, en particular, da dieta atlántica.
A USC no Forum GastronómicoA Universidade de Santiago colabora na organización do Forum Gastronómico Santiago’08 que se vén celebrando dende o pasado día 16 e ata este mércores 20 no Palacio de Congresos e Exposición de Galicia baixo o lema ‘As cociñas do Atlántico’.
A institución académica compostelá puxo a disposición deste evento un stand no que os visitantes poden atopar información relativa á Fundación Dieta Atlántica da USC. Ademais, o grupo de Novos Medios desenvolveu unha espazo web (http://www.forum-santiago.org/) no que ofrece ao visitante a posibilidade de familiarizarse con produtos que definen a alimentación e a cultura de Galicia. Este espazo, que recibe a denominación de ‘Coas nosas mans’ tamén pode visualizarse en formato audiovisual no stand da USC.

The contents of this page were updated on 02.20.2008.