Os trinta titulados pola USC que acadaron os Premios Fin de Carreira 2008 recolleron no Forum Orienta o seu galardón
Un total de 30 titulados da Universidade de Santiago participaron este venres no acto de entrega dos Premios Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia 2008. O acto desenvolveuse no Instituto Feiral de Vigo, no transcurso do Forum Orienta’08, presidido polo titular da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e coa presenza da conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e de representantes das tres Universidades galegas, no caso da USC o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández.
A USC acadou nesta convocatoria o 53 por cento destes galardóns que premian os mellores expedientes académicos das titulacións impartidas no Sistema Universitario de Galicia. A Universidade da Coruña conseguiu 16 premios e a de Vigo 11. Dende a súa primeira convocatoria en 1991, son xa 637 os titulados que recibiron esta distinción.
En representación dos galardoados, no acto de entrega interveu o licenciado en Física pola USC Jesús Carrete Montaña, que foi o que acadou a puntuación máis alta de todos os alumnos presentados nesta convocatoria, un 3,92 sobre 4.
Os premiados pola USC son Yolanda Martínez (Administración e Dirección de Empresas), José Crecente (Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos), Romina García (Economía), Ana de la Cueva (Farmacia), Mónica Mirazo (Filoloxía Alemá), Cecilia Fernández (Filoloxía Francesa), Javier Patiño (Filoloxía Románica), Lourdes Ferreiro (Filosofía), Jesús Carrete (Física), Marcia Díaz (Historia), Ana Hernández (Historia da Arte), Rafael Fernández (Matemáticas), Sergio Raposeiras (Medicina), Vanessa Freire (Odontoloxía), Laura Varela (Pedagoxía), Fátima Ferreiro (Psicoloxía), Laura Lodeiro (Psicopedagoxía), Jorge Bordello (Química), Rubén Francisco (Veterinaria), Daniel de las Heras (Xeografía), Carmen Marina Vidal (Xornalismo), Pablo Iván Rodríguez (Relacións Laborais), Emma Lamas (Traballo Social), Andrea Ferreiro (Enxeñaría Agrónoma), Bruño Fraga (Enxeñaría de Montes), Marta Faraldo (Enxeñaría Química), Andrea Obenza (Enxeñaría Técnica Agrícola, especialidade en Industrias Agrarias e Alimentarias), Christian Fernández (Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas), Laura González (Enxeñaría Técnica de Obras Públicas, especialidade en Transportes e Servizos Urbanos) e Concepción Fernández (Enxeñaría Técnica en Topografía)