Skip to main content

O Rof Codina e Caixa Galicia ven na cría de cabalos unha alternativa para o relanzamento da zona rural

O centro universitario reforzaría o seu servizo asistencial cun novo facultativo

O Hospital Clínico Veterinario Rof Codina e Caixa Galicia están a preparar un convenio para fomentar a cría de cabalos como método para o relanzamento da zona rural de Galicia e no que queren implicar á Xunta de Galicia e á Federación Hípica Galega nun proxecto común para botar adiante esta iniciativa.
Segundo explica o xerente do centro veterinario lugués, Luis Felipe de la Cruz Palomino, “as condicións climáticas e orográficas da Comunidade Autónoma son excepcionais para este negocio, e pode significar unha importante saída laboral para os propietarios das granxas leiteiras que abandonaron a produción e que poden atopar na cría de cabalos de alta calidade un aproveitamento das instalacións e un volume de negocio que xera en Inglaterra, Irlanda e Francia importantes riquezas”.
O papel do hospital universitario estaría centrado unicamente en axudar a este desenvolvemento ofrecendo os servizos veterinarios e clínicos necesarios para a atención destes animais. De feito, o Rof Codina conta coa infraestrutura necesaria para o desenvolvemento de servizos básicos como probas funcionais e atención constante, así como co persoal axeitado. Ademais, en caso de que o proxecto contase co apoio destas entidades, contrataría a un especialista en tratamento de cabalos para reforzar o servizo asistencial coa implantación de nova metodoloxía.
Os instigadores do proxecto consideran que “as carreiras de cabalos e as competicións de saltos, coas habituais normas de cría e subasta, son un negocio emerxente e cun importante movemento de cartos pola compra e venda de animais, seguros, alimentación e preparación que implica a outros sectores económicos”. Actualmente funciona xa na provincia de Ourense un hipódromo que comeza unha tímida andaina pero cunha importante proxección.
Segundo engaden, “o papel das novas tecnoloxías sería fundamental neste desenvolvemento, xa que actualmente un importante volume de negocio móvese a través da rede, facilitando e ampliando o comercio. O movemento de animais para o mercado atravesa Galicia entre Francia e Portugal, polo que a situación da comunidade non deixa de ser estratéxica”.

The contents of this page were updated on 02.01.2008.