Skip to main content

A Facultade de ADE inaugura na festa do patrón unha nova sala de ordenadores e recibe un cadro da artista Míriam Ferreyra

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo festexou este xoves 3 ao seu patrón, San Vicente Ferrer cunha serie de actos entre os que destacou a inauguración da nova sala de informática do centro e o acto de cesión dunha obra pictórica.
Foi a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro Rodríguez, a encargada do acto de inauguración desta nova sala, que estivo acompañada polo decano do centro, José Díez de Castro, e o resto de membros do equipo directivo.
Trátase da cuarta sala que se abre no centro, coa que se acadan xa os preto de cen ordenadores a disposición do profesorado e do alumnado do centro. Deste xeito, a facultade de ADE figura xa cun ratio de 1 ordenador por cada nove alumnos matriculados.
Unha vez rematado este acto, ás 13:30 horas, fíxose o acto de cesión da pintura ‘Indo a Mar’, da artista Míriam Noemí Ferreyra Maizal, que pasa a integrar a exposición permanente da Facultade.
É a quinta artista que cede unha das súas obras para a facultade. De feito, nas súas paredes destacan xa as obras ‘2 Principio de la forma’, de Benjamín Santín Carballada; ‘Viento’, de José Joaquín García-Gesto; ‘El balcón’, de Miguel A. Martínez Macía, e ‘Unha vida nueva’ e ‘Unha vida nueva, detalle de anatomía’. de Santiago Catalán.
Míriam Noemí Ferreyra é natural de Córdoba, aínda que reside en Tapia de Casariego dende o ano 1975 mantendo unha forte vinculación con Lugo. Realizou a súa primeira exposición individual en decembro de 2002, mantendo unha constante de mostras cada ano, tanto soa como de xeito individual. A última que realizou foi na propia cidade de Lugo, o ano pasado, no edificio administrativo da Xunta de Galicia, nunha mostra colectiva sobre acuarela.

The contents of this page were updated on 04.03.2008.