Skip to main content

Comeza na USC o Congreso Internacional Fundacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación

O antropólogo e filósofo Néstor García Canclini explicou na inauguración os retos actuais da interculturalidade para acadar unha "sociedade do recoñecemento do outro"

A oposición entre sociedade da información e do coñecemento ou os retos actuais da interculturalidade para acadar unha “sociedade do recoñecemento do outro” son algúns dos desafíos nos que se enmarcan actualmente as investigacións en comunicación, segundo explicou este mércores na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o antropólogo e filósofo Néstor García Canclini. A súa intervención inaugurou o Congreso Internacional Fundacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) ‘I+C. Investigar a comunicación’.
Moderado pola profesora da Universidade Carlos III de Madrid Pilar Diezhandino, o relatorio de Canclini celebrouse logo da presentación oficial do encontro á que asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o reitor da USC, Senén Barro; o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; a presidenta da comisión organizadora da AE-IC, Margarita Ledo; e o profesor da Universidade Complutense de Madrid Enrique Bustamante.
No acto de apertura, Senén Barro subliñou a necesidade de traballar no eido da investigación e da comunicación “como un esforzo complexo que mestura historia, modernidade e emprendemento, características coas que tamén se identifica a Universidade de Santiago”. Na mesma liña, o presidente da Xunta destacou a aposta por incrementar e mellorar as investigacións sobre comunicación e lograr así unha sociedade “máis libre e máis xusta”.
Pola súa banda, a conselleira de Cultura resumiu os catro eixos temáticos nos que se articula o congreso como son a relación entre democracia e cidadanía, políticas da comunicación e cultura, sociedade da información e a creatividade na produción de contidos. Todas estas cuestións servirán, segundo Ánxela Bugallo, para que os poderes gobernamentais constrúan unha sociedade máis libre na que os cidadáns non só sexan receptores, senón tamén emisores. Sobre este aspecto tamén falou o alcalde de Santiago incidindo na relación entre sociedade democrática e liberdade de expresión e de comunicación.
García CancliniProfesor emérito da Universidade de México D.F., Néstor García Canclini afirmou na súa conferencia que as sociedades do coñecemento actuais, que sempre existiron dende unha visión antropolóxica, “non poden reducirse a meras sociedades da información”. Por iso, a converxencia dixital, que integra os diversos modos de saber propios de diferentes culturas, debe facilitar o paso a unhas “sociedades do recoñecemento do outro, do alleo, para chegar así a unha coexistencia igualitaria de culturas distintas”.
García Canclini abordou tamén as sociedades do descoñecemento nas que a cidadanía está desinformada por saturación con informacións baleiras de contido e insignificantes ou por ocultación de información. Acerca disto, o filósofo criticou a situación actual do goberno estadounidense, “no que se eliminan fotografías e datos ou se controlan os libros que se consultan nas bibliotecas”, ou mesmo o caso do 11-M en España “no que se enganou á poboación sobre os artífices dos atentados”.
Democracia e cidadaníaO encontro continuou cun debate sobre democracia e cidadanía no que participaron os profesores das Universidades de Lugano, California e Pompeu Fabra de Barcelona, Giuseppe Richeri, Daniel Hallin e Josep Gifreu i Pinsachs, respectivamente.
As políticas de comunicación e cultura foron o eixo temático doutra charla na que participaron o profesor da Universidade de Glasgow, Philip Schlesinger, e o asesor da Consellaría de Cultura do Goberno Vasco, o profesor Ramón Zallo. A reunión moderouna Enrique Bustamante Ramírez. Ao mesmo tempo, a Facultade acolleu outras reunións para profundar sobre a sociedade da información e a creatividade na produción de contidos.
Xa pola tarde, celébranse dúas sesións de debate tituladas ‘Seis décadas de investigación da comunicación en España’ e ‘Investigación da comunicación e docencia nas Facultades de Comunicación’.

The contents of this page were updated on 01.30.2008.